O deputado popular di que o Goberno central pode facer uso destes recursos europeos para compensar o resultado negativo das negociacións sobre os repartos das cotas pesqueiras. Balseiro explica que non está a pedir nada que non estea permitido pola lexislación xa que, na actualidade, estas axudas xa se contemplan para a frota pesqueira española que faena en augas do Mediterráneo e do Golfo de Cádiz cando se ve obriga ao amarre.
Balseiro lembra que esta demanda xa a trasladou á Xunta de Galicia ao Goberno central e busca agora o apoio unánime de todas as forzas políticas do Parlamento para reforzar esta petición.
Os populares galegos queren que se apoie de xeito homoxéneo e en igualdade de condicións ao conxunto da frota española e evitar así situacións de discriminación e agravio comparativo, precisamente contra a frota galega.
RECORTES NAS POSIBILIDADES DE PESCA
Cómpre lembrar a pescada é unha das actividades de captura máis importantes da frota pesqueira de portos como os de Burela e Celeiro polo que, de articularse estes apoios, serían grandes beneficiarios.
“A frota da Mariña lucense non só está a sufrir o impacto da redución de cotas con recortes continuos nas posibilidades de captura se non que ademais agora soporta a escalada de prezos dos combustibles que poñen en risco o futuro e a rendibilidade desta actividade”-sinala Balseiro.
No caso da pescada Sur, as posibilidades de captura reducíronse nun 8% en 2022. A intención inicial era que o recorte fora do 18% pero foi posible certos avances tras facer valer os informes socioeconómicos elaborados por Galicia. Con todo, Balseiro sinala que a cota actual segue a ser insuficiente para garantir a actividade continua da frota galega que leva soportando recortes continuos nos últimos tres anos.
As estimacións feitas por Galicia mostran que a nosa frota asume o 63% do impacto destes recortes. A Xunta de Galicia estimaba que os TAC e cotas para 2022 supoñen perdas para a economía galega de máis de 16 M€.
PRECEDENTE ÁS AXUDAS MEDITERRÁNEAS
Pola súa banda o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) habilitou un sistema de axudas para compensar á frota de arrastre do Mediterráneo pola redución de cotas decidida no último Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea.
O novo sistema de axudas con cargo ao FEMP permite compensar aos armadores e tripulantes polos días que se vexan obrigados a reducir o esforzo pesqueiro. Os días de redución calcularanse en función das xornadas que os buques actuais poderían ter de actividade se non tivesen que acometer a redución de esforzo asociada ás novas cotas.