Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias felicita aos gañadores dos certames baristas e empraza ao IES de Foz “a continuar con esta aposta pola excelencia no ensino”

Foz, 11 de marzo de 2022. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na entrega de premios dos certames baristas que durante as dúas últimas xornadas tiveron lugar no IES de Foz.

Diante do director do centro, Nicolás Asensio, e do profesor e coordinador destas citas, Xosé Ríos, entre outros, o delegado gabou “o gran labor desenvolvido un ano máis” e emprazounos a “continuar con esta aposta pola excelencia no ensino que supoñen os certames de baristas, que atraen a Foz aos mellores profesionais do sector e a alumnos e alumnas que aprenden deles para selo no futuro”. Este ano concorreron estudantes de 14 centros docentes con ramas de hostalería de distintos puntos de España.

O instituto concedeu un premio especial aos responsables de Distribuciones Carreiras, empresa cervense que sufriu un incendio o pasado mes de xaneiro nas súas instalacións. No que respecta ao XIV Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, proclamouse campión Samuel Fernández, do CIF Manuel Antonio de Vigo; o segundo premio foi para Amaia Alonso, da Escola de Hostelería de Gamarra, en Vitoria, e o terceiro para Lara Gutiérrez, do CIFP Paseo das Pontes da Coruña.

Na segunda edición do Campionato Internacional de Cata de Cafés de profesionais a gañadora foi Begoña Baqué, seguida de Perla Daniel Sención e Juan Rubiños, segundo e terceiro galardoados respectivamente. Pola súa banda, Sonia García, do CIFP Compostela, gañou onte o IX Campionato Internacional de Cata de Cafés de Escolas de Hostalería; o segundo premio foi para Nerea López, do IES Vilamarín de Ourense, e o terceiro para Gutierres Lima Nascimento, do IES de Foz.

Exit mobile version