“En primeiro lugar quero aclarar que non son concelleiro nin representante do Partido Popular de Barreiros en ningún organismo municipal. E ante a constante e sucesiva sarta de mentiras e difamacións vertidas polos representantes públicos do BNG no Concello de Barreiros e polo propio comité local do Bloque nos medios de comunicación, véxome obrigado a formular as seguintes precisións”, manifesta Fuente Parga.
Alfonso Fuente explica que “o procedemento do que traen causa as facturas satisfeitas por min e outros membros do anterior goberno municipal devengáronse polos nosos procurador, avogado e perito intervenientes no procedemento xudicial seguido durante dez anos perante o Xulgado de Instrución Nº1 de Mondoñedo, perante o Xulgado do Penal Nº2 de Lugo e ante a Audiencia Provincial de Lugo, e incoado en virtude das denuncias efectuadas ante a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e ante a Fiscalía polos representantes do BNG local. Iso si, despois de que a familia da alcaldesa, Ana Ermida, pegase un bo pelotazo urbanístico. Os procedementos concluíron con sentenza absolutoria, como se recolle no fallo da sentenza. E faise porque non se aprecia a existencia dos requisitos necesarios para o nacemento do tipo penal. Non existen, como din os letradillos do BNG, os conceptos de media absolución nin de non culpabilidade a medias”.
Fuente engade que “en outubro do ano 2019 os inxustamente acusados- e declarados inocentes dos cargos que se nos imputaban- solicitamos o reintegro dos nosos gastos procesuais. Ante a falta de contestación do Concello, incumprindo a súa obrigación legal, en abril de 2020 tivemos que contratar avogado e procurador e interpuxemos demanda de procedemento ordinario contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso Administrativo Nº1 de Lugo contra a ilegalidade no actuar do Concello de Barreiros. E no mes de outubro de 2021 ditouse sentenza firme que condenaba ao Concello de Barreiros ao pago da cantidade total reclamada máis os intereses legais desde outubro de 2019 e os procesuais desde sentenza e ata o seu completo pago, e condenaba ao Concello de Barreiros ao pago das costas da reclamación interposta. É dicir, foi o Xulgado do Contencioso Administrativo Nº1 de Lugo o que mediante a sentenza ditada obrigou ao Concello a facer o pago da cantidade reclamada máis os intereses xudiciais e as costas”.
Alfonso Fuente tamén aclara: “sen falar comigo nin con ningún dos reclamantes dos gastos -en total somos cinco- o Concello de Barreiros aprobou unilateralmente un plan de pagos para cumprir as súas obrigacións xudiciais ordenadas mediante sentenza de outubro de 2021. E, actuando co deixamento e pasividade que os caracteriza, o goberno municipal demorou durante xa case medio ano -desde outubro do 2021 ata marzo de 2022- o cumprimento das súas condenas xudiciais, e durante case tres anos o cumprimento das súas obrigacións legais. Eles exclusivamente son os responsables das demoras e dos danos e prexuízos que tal retraso provocan ás arcas do Concello”.
Para rematar Fuente Parga destaca que “en consecuencia o pago dos gastos procesuais derívanse da hipócrita actitude do BNG de Barreiros presentando sucesivas denuncias; iso si, despois de pegar o pelotazo urbanístico a familia da alcaldesa. A rexedora e os concelleiros do goberno do BNG coñecían perfectamente a obrigación de pago deses gastos dos xuízos. O Concello de Barreiros (máis ben o seu goberno municipal) foi condenado xudicialmente ao pago dos honorarios e gastos procesuais devengados mediante sentenza de outubro de 2021, pero o goberno municipal preferiu demorar o cumprimento da sentenza e das súas obrigacións legais, polo que coa súa pasiva e malintencionada actuación vai provocar un importante prexuízo ao Concello de Barreiros”.