Lugo, 6 de marzo de 2022. Este luns abre o prazo de solicitude das axudas da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a clubs e entidades deportivas, que conta cun orzamento total de 500.000 euros.
Establécense dúas liñas de axuda: unha destinada a sufragar gastos derivados da actividade competitiva (material deportivo, vestimenta, transporte, gastos federativos ou de persoal, entre outros ), con achegas de ata 5.000 euros, e outra destinada á organización de eventos, con achegas de ata 2.000 euros.
As entidades deportivas dispoñen de 10 días hábiles para tramitar a solicitude. Os formularios e as indicacións sobre a documentación que se require en cada caso están dispoñibles na web deputacionlugo.gal, no apartado “Subvencións e programas de axudas”.
O deputado de Deportes, Efrén Castro, sinalou que “estas subvencións son un recurso fundamental para o mantemento do tecido deportivo, especialmente dos clubs de base que facilitan o acceso ao deporte e promoven a actividade física en todo o territorio” e lembrou que “o ano pasado, máis de 170 clubs recibiron achegas a través desta convocatoria anual”.
Na concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, valóranse criterios obxectivos vinculados ao rendemento deportivo (ascensos de categoría, resultados en campionatos estatais ou internacionais,..), a incidencia social do club (número de licenzas federativas e/ou equipos), o ámbito territorial, os anos de creación da entidade ou o persol contratado, dacordo cos baremos establecidos nas bases da convocatoria, publicada este sábado no Boletín Oficial da Provincia. Prímase, de forma trasversal, aos clubs con equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes.