Co proxecto recollido no convenio asinado hoxe polo alcalde, Manuel Otero, e o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; “completarase a eliminación dun punto de inseguridade existente dende fai moitos anos” a través da construción dunha beirarrúa de 2 metros de anchura convenientemente iluminada. “Xa no ano 2015, ao chegar ao goberno, aproveitamos a posta en marcha do Camiño de San Rosendo para mellorar a marxe dereita”, indican dende o goberno local.
“Son moitos os peóns que circulan pola marxe desta vía compartindo espazo co tráfico rodado; xa que, ademais dos propios veciños da zona, a popularidade do Camiño de Santiago fai que sexan moitos os peregrinos que camiñan por esta zona”, explican.
Esta mellora da seguridade viaria xeral do tramo favorecerá o tránsito peonil dos veciños da zona e dos usuarios do Camiño Norte convertendo a antiga estrada destinada a vehículos nun acceso a Mondoñedo polivalente que conecte ás persoas.
A Xunta destina máis de 260.000 euros a este proxecto que inclúe a construción dunha rede de recollida de pluviais e a dotación de alumeado público.
O Concello de Mondoñedo agradece a colaboración das consellerías de Presidencia, Xustiza e Turismo e de Infraestruturas e Mobilidade.