Taboada, 19 de marzo de 2022. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, desprazouse esta mañá ata a cooperativa Aira, sita en Taboada, para coñecer a súa situación ante o paro do transporte. Alí, José González reclamou unha vez máis que é fundamental e urxente que o Goberno central asegure tanto a chegada de alimentos ás explotacións gandeiras como a saída do leite das granxas e da carne dos matadoiros, non só pola súa repercusión económica, senón pola supervivencia e o benestar dos animais. “En Galicia está tendo moita incidencia este paro”, asegurou o titular de Medio Rural, polo que urxen medidas inmediatas.
Ao tempo, dixo o conselleiro, estamos falando de produtos perecedoiros, que non admiten prórrogas nin retrasos, polo que insistiu en que a Garda Civil debería escoltar os transportistas que non secundan o paro, para que poidan exercer o seu dereito ao traballo.
Por iso, o titular de Medio Rural advertiulle de novo ao Goberno central da gravidade da situación que está afectando ao sector primario galego. Neste contexto, José González indicou que a Xunta está en permanente contacto con todos os elos do sector primario, neste caso concreto, cos gandeiros, cooperativas, industrias e distribución. O propio conselleiro asegurou que todos os axentes da cadea alertan sobre a gravidade da situación e o risco serio de parálise do sector, polo que dende o Goberno galego faise un novo chamamento á Administración central para que actúe xa.
Así, o conselleiro solicitoulle ao delegado do Goberno que identifique corredores seguros para a distribución dos servizos esenciais á poboación, incluso sacando ao Exército se fora preciso, e convoque de inmediato a plataforma de transportes que secunda o paro para chegar a unha solución dialogada. En canto ao ministro, o conselleiro pedíulle que reúna de urxencia aos representantes nacionais da distribución, da industria e dos gandeiros para afrontar de maneira excepcional pero inmediata unha suba dos prezos de venda dos produtos dos gandeiros que están nunha situación xeneralizada de venta a perdas desde o ano 2021, agravada pola invasión rusa a Ucraína co desabastecemento de cereais e, agora, por este paro do transporte.
Ademais, sinalou o titular de Medio Rural, onte mesmo estivo reunido -xunto coas conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade e do Mar- con representantes da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), que acolle a 1.300 transportistas que están a pasar por momentos moi difíciles debido á suba de carburantes. Polo tanto, dixo o conselleiro, a situación é insostible en todos os sectores e, como siga así, agravarase de xeito importante.
Por iso, o conselleiro reiterou que urxe a inmediata baixada de impostos dos carburantes e outros insumos claves para o sector primario. Namentres o Goberno central se digna a actuar, a Xunta xa aprobou un paquete de medidas para paliar as consecuencias da alza de prezos e para achegar liquidez ás empresas no ámbito das competencias autonómicas.
Nesta liña, a Xunta asumiu o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da PAC, que as explotacións cobran no mes de outubro de cada ano. Así, trasladou o conselleiro, o Goberno galego anticipará seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros.
Doutra banda, contémplase a apertura de liñas de crédito de ata 20.000 euros para poder atender compras de circulante, por parte dos gandeiros, avaladas pola Xunta. Para esta operación, a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de avais para chegar ata os 25 millóns de euros de préstamos.