Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta explica en Mondoñedo os recursos que achega para impulsar a innovación e a expansión das empresas locais

Mondoñedo, 10 de marzo de 2021. O Pazo de San Tomé de Mondoñedo acolleu hoxe a última xornada na provincia do programa Camiño de futuro, organizado pola Xunta en colaboración coa CEL para dar a coñecer ás empresas locais os recursos de orientación e as achegas económicas ás que poden acceder para promover a súa modernización e expansión.

No acto participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, así como representantes dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda e Terra Cha e do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal, entre outros.

Logo da presentación das diferentes liñas de axuda da Administración autonómica, tivo lugar unha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores da economía galega.

Deste xeito, son empresas da mesma área xeográfica as que explican a súa propia experiencia de desenvolvemento coa colaboración do Goberno galego a través de distintas entidades, entre elas o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Axencia Galega de Innovación (Gain), os GDR ou os GALP. Nesta xornada interviñeron Carlos Villapol, de Laminados Villapol; Julio Vázquez, de Pele Design and Retail, e Juan Manuel López, de Villapene Investment.

A iniciativa remata hoxe a súa andaina na provincia despois de ter recalado en días anteriores en Baleira e Bóveda. No conxunto de Galicia programáronse catorce encontros de networking para os meses de marzo e abril no marco do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación.

Deste xeito, dáse continuidade ao programa Camiño da innovación, que entre os pasados meses de novembro e decembro percorreu 18 concellos galegos -cinco deles lucenses-, sumando 555 asistentes e realizando 246 accións de asesoramento.

Exit mobile version