Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022. A Consellería do Medio Rural vén de rematar diversos traballos preventivos en montes situados nos concellos lugueses de Pol e Riotorto, pertencentes ao Distrito Forestal X-Terra Chá, por importe de case 50.000 euros. Ditas actuacións consistiron na mellora de cortalumes e pistas forestais.
Así, a mellora de cortalumes executouse no monte de Lúa, do concello de Pol, nunha superficie de 10,35 hectáreas. O obxectivo destes traballos foi interromper a continuidade da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal na zona e protexer os valores naturais.
No tocante aos traballos de acondicionamento de pistas forestais e camiños secundarios, leváronse a cabo rozas nun total de 62,06 hectáreas, localizadas nos montes de Lúa, de Suegos e de Susá (no concello de Pol) e nos montes de Lourido, Fonseca, Borducelo, de Coto e Paleiras e Campo de Fonseca (no concello de Riotorto). As actuacións consistiron na roza mecanizada da faixa auxiliar en ambas marxes de vías de comunicación para así facilitar o tránsito polo monte dos medios do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.