Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2022. A Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo cofinanciarán con máis de 46.000 euros unha actuación urbanística neste municipio co fin de acondicionar dúas parcelas localizadas entre a rúa Rigueira e o camiño do Río de Sixto. Este foi o compromiso asumido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Manuel Otero no marco dun convenio asinado esta semana para fixar os termos da súa colaboración técnica e económica.
Segundo se recolle no proxecto, a intervención consistirá no acondicionamento de dúas fincas cunha superficie de pouco máis de 150 metros cadrados, que actualmente están ocupadas por maleza e arborado. Por esta razón, os traballos comezarán pola limpeza das parcelas e a demolición de parte dos muros que dan fronte ao Camiño de Santiago e dificultan nestes momentos o tránsito rodado pola rúa Rigueira.
Ademais, tamén se prevé acondicionar o terreo para urbanizalo posteriormente, uns traballos que teñen como fin adecentar a imaxe deste ámbito e que incluirán a pavimentación das liñas de trazado dos antigos muros de peche con chapacuña e con formigón desactivado no caso da parte interior da parcela.
Cun investimento comprometido de algo máis de 46.000 euros —o 70% achegado polo departamento autonómico e o 30% restante, polo Goberno local—, o convenio asinado enmárcase nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai 12 anos co fin de axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.
Neste sentido, o alcalde agradeceu o respaldo da Consellería para poder executar unha obra “fundamental” para o municipio tanto pola localización estratéxica das parcelas—que forman parte do itinerario do Camiño Norte e polo tanto, están nunha zona moi transitada—, como porque permitirá gañar espazo na rúa e reforzar a seguridade viaria.
Cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos para promover actuacións que, como a proxectada en Mondoñedo, contribúan a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos seus veciños.
Por esta razón, a Consellería manterá esta liña de cooperación cos concellos tamén este ano, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.