Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destinará este ano máis de 1,5 M€ en axudas para que os mozos galegos poidan mercar a súa vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes

Lugo, 14 de marzo de 2022. A Xunta de Galicia destinará este ano máis de 1,5 millóns de euros a través dunha nova convocatoria do programa de axudas dirixido a mozos que opten por mercar a súa vivenda habitual nun concello de menos de 10.000 habitantes. Este é o orzamento mínimo garantido para esta liña de subvencións, que desde a súa posta en marcha no ano 2018 tivo unha gran acollida entre a xuventude galega.

Así o subliñou hoxe en Lugo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o terceiro dos encontros informativos #ConstruíndoFogar que organiza o seu departamento e que seguirán percorrendo varias comarcas galegas nas vindeiras semanas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de liñas de subvencións en materia de vivenda que se convocarán en 2022.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na provincia, Javier Arias, e ante máis de 200 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 40 concellos da zona centro da provincia, Ángeles Vázquez subliñou a gran oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas de axudas e incentivos que xestionará a Xunta este ano e que permitirán poñer á disposición de particulares, concellos e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.

Así, a responsable autonómica aproveitou a súa presenza na cidade para animar a todos os asistentes a aproveitar estes fondos e axudar tamén á Xunta na súa difusión co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios.

Neste sentido e con respecto ás axudas para compra de vivenda dirixidas aos menores de 35 anos, explicou que se prevén incentivos de ata 10.800 euros que favorecerán o asentamento da xuventude en zonas de Galicia cun menor dinamismo demográfico.
En concreto, a conselleira indicou que estas subvencións estarán dispoñibles para a mocidade no 82% dos municipios da Comunidade, xa que 257 concellos galegos teñen menos de 10.000 habitantes. No caso de Lugo a porcentaxe é incluso maior, tendo en conta que 61 dos 67 municipios desta provincia cumpren co requisito de poboación fixado.

En todo caso, Ángeles Vázquez subliñou que, de forma complementaria a este tipo de incentivos económicos, a Xunta seguirá impulsando actuacións directas para incrementar o actual parque público residencial, sobre todo en municipios que, como Lugo, concentran unha maior demanda. Neste sentido, avanzou que proximamente se entregarán 6 vivendas protexidas rehabilitadas pola Xunta na Tinería e que, ademais, neste primeiro semestre do ano licitarase o proxecto para construír 57 VPP no barrio do Castiñeiro, cun investimento estimado de 7,8 millóns de euros.

Ademais, no marco do concurso de solo residencial que ten previsto convocar proximamente a Conselería, incluiranse 2 parcelas en Garabolos, con capacidade para edificar nas mesmas un total de 370 novas vivendas protexidas.

Exit mobile version