Lugo, 9 de marzo de 2022. A Xunta de Galicia leva aprobadas este ano máis de 300 axudas na provincia de Lugo para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que este programa de apoios continúa aberto, conta cun orzamento de 1,9 millóns de euros e as achegas concédense en concorrencia non competitiva, a todas as persoas que cumpren os requisitos. Desde a apertura da presente convocatoria, confirmou, concedéronse na provincia 179 axudas e xa hai outras 153 validadas, listas para a súa concesión.
Os apoios da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación alcanzan o 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual do solicitante, e teñen unha contía máxima anual de 300 ou 450 euros –no caso de familias numerosas–.
Arias sinalou que durante o pasado ano, beneficiaron a 618 persoas na provincia de Lugo, cun montante total de 204.300 euros en axudas. “O obxectivo principal desta iniciativa -sinalou- é impedir a interrupción do servizo nos fogares máis vulnerables en base á consideración normativa do consumidor en risco de exclusión social”.
Así, considérase subministración de electricidade esencial o servizo a un consumidor que sexa atendido polos servizos sociais dunha Administración autonómica ou local que financie cando menos o 50 por cento do importe da súa factura e estea acollido á tarifa de último recurso, e dita consideración implica que non se lle pode cortar a subministración de enerxía.