Site icon Crónica3.com A Mariña

A unidade móbil de coidados sociosanitarios da Xunta visitará todos os concellos da mariña ata finais de maio

Ourol, 31 de marzo de 2022. A unidade móbil de coidados sociosanitarios posta en marcha pola Xunta no marco da campaña Porta a porta visitará ata finais do mes de maio todos os municipios da Mariña para ofrecer gratuitamente os seus servizos ás persoas maiores de 55 anos.

O programa fixo a súa primeira parada na provincia no municipio de Ourol, onde hoxe estivo o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, quen explicou que o autobús seguirá ata mañá no parque local para atender ás persoas interesadas con cita previa. Onte foi a primeira xornada, na que os profesionais das diferentes especialidades recibiron a 17 usuarios.

Os servizos ofertados son revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para previr, diagnosticar e tratar as principais patoloxías dos pés; así como probas de valoración cognitiva e exercicios de estimulación para previr o alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

A continuación o autobús achegarase a Xove (do 4 ao 6 de abril); O Valadouro (días 7 e 8); O Vicedo (do 11 ao 13); Alfoz (18 a 20 de abril); Mondoñedo (21 e 22 de abril); Viveiro (25 a 27 de abril); Burela (28 e 29 de abril e 2 e 3 de maio); Cervo (29 de abril e 2 e 3 de maio); Foz (do 4 ao 6 de maio); Lourenzá (do 4 ao 6 de maio e tamén o día 9); Barreiros (do 9 ao 12 de maio); Ribadeo (do 10 ao 12 de maio); Trabada (13, 16, 18 e 19 de maio) e A Pontenova (20, 23 e 24 de maio). Ao longo do ano está previsto que volva en máis ocasións á Mariña.

No mesmo período tamén estará noutros tres concellos da provincia: Muras (25 ao 28 de abril); Riotorto (13, 16 e 18 de maio) e A Pastoriza (19, 20, 23 e 24 de maio).

Arias destacou que as unidades móbiles desprazaranse a todos os municipios galegos -agás as sete grandes cidades- e permanecerán entre dous e catro días en cada un, para achegar coidados especializados ás persoas maiores sen que teñan que facer desprazamentos. Para solicitar cita previa ou pedir información está dispoñible o número de teléfono 622.748.283 e o enderezo de correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

A Xunta investirá 10 millóns de euros nesta iniciativa entre 2022 e 2023. O servizo está xestionado pola entidade social Afalu e para prestalo haberá oito unidades móbiles percorrendo a Comunidade.

Exit mobile version