Esta UAD leva máis de 25 anos realizando obradoiros de prevención de drogodependencias na Mariña e traballando con adolescentes entre 1º e 4º da ESO. A profesional encargada de realizar estas actividades é a traballadora social do equipo dende 1996, Maite Lanza.
Trátase de obradoiros anuais de dúas sesións cada un, no propio ámbito do alumnado, en grupos reducidos e coa total dispoñibilidade para aclarar calquera dúbida que poidan ter ao respecto. O obxectivo é facilitar información e habilidades para poder tomar decisións responsables en situacións de risco.
Dende a UAD “considérase fundamental que se poida acceder ás actividades de prevención con información profesional, cercana, rigorosa e de confianza e con dinámicas que van máis aló do meramente informativo, para que os máis novos sexan coñecedores das consecuencias do consumo, e conten con mecanismos que lles faciliten enfrontarse á presión grupal, curiosidade ou mitos, no seu día a día”.
En próximas datas tamén se levarán a cabo talleres no IES O Perdouro de Burela con 221 alumnos e no Colexio do Pilar de Foz, esta última en coordinación coa Asociación A Mariña de Saúde Mental.