Site icon Crónica3.com A Mariña

A UCGAL continúa este martes en Foz co seu programa de asesoramento a persoas consumidoras afectadas polo ‘cártel dos coches’

Santiago, 21 de marzo de 2022. Este martes, 22 de marzo, ás 19.00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura, técnicos da Unión de Consumidores de Galicia recalan no Concello de Foz no marco do ciclo de actividades informativas dirixidas a persoas consumidoras afectadas polo coñecido como “Cártel dos coches” no que informarán dos dereitos que lles asisten así como o procedemento a seguir e documentación precisa para reclamar. Nesta ocasión, a actividade desenvólvese en colaboración co Concello de Foz.

A problemática do cártel dos coches trae orixe nos expedientes sancionadores tramitados pola CNMV que remataron en distintas sancións (a súa maioría xa ratificadas polo Tribunal Supremo) a 34 marcas de vehículos polo intercambio de información confidencial que lles permitiu controlar o mercado da distribución e venda de vehículos.

Este cártel afectou a persoas, profesionais e empresas que adquiriron un vehículo ben por compra, leasing ou renting entre os anos 2006 a 2013.
Os fabricantes afectados por este cártel son: Alfa Romeo, Audi, BMW, Chevrolet, Chrysler, Citroen, Dodge, Fiat, Ford, Honda, Hyundai, Jeep, Kia, Lancia, Lexus, Mazda, Mercedes Benz, Mitsubishi, Nissan, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Volkswagen, Toyota, Volvo.

Unión de Consumidores de Galicia considera que as persoas afectadas poden reclamar o prexuízo sofrido como consecuencia do sobrecuste pagado polo vehículo de resultas das prácticas anticompetencia, un importe que podería supor arredor do 10% do prezo pagado polo vehículo, un aspecto que definirá o informe pericial que a equipa da organización elaborará con motivo destes procedementos.

Estas actividades, están abertas a todas as persoas interesadas.

Exit mobile version