A Mariña, 9 de marzo, 2022. A Serra do Xistral alberga 29 parques eólicos e concentra o 55% da potencia instalada na Rede Natura 2000. Por se fora pouco, agora pretenden construir unha central de bombeo en caverna de case 1 GW. Somos carne de canón para as eléctricas!
O proxecto da central reversíbel “Xistral” promovida por unha empresa unipersoal (Desarrollos del Malache S.L.U. con sé en Zaragoza).suporía a construción de dous lagos artificiais, ducias de quilómetros de tubaxes, pistas e liñas de alta tensión, unha central soterrada, millóns de m3 de entullos, desviar auga dos ríos… En definitiva, un verdadeiro polígono industrial “limpo” en pleno corazón dunha área de excepcional valor ambiental e patrimonial.
ADEGA chama en primeiro lugar a atención sobre os incumprimentos deste proxecto coa propia normativa do Ministerio e as recomendacións da Comisión Europea a respeito dos proxectos de “transición enerxética”.
O promotor menciona na súa documentación o PNIEC “Plan Nacional Integrado de Energía y Clima 2021-2030” para xustificar o seu proxecto como contribución para acadar os obxectivos de redución de emisións e penetración das enerxías renovábeis. Porén, esquece que no que atinxe ás actuacións que se desenvolvan sobre masas de auga, como os bombeos hidráulicos ou a implantación de sistemas de almacenamento con tecnoloxía de bombeo hidráulico, o PNIEC recolle de xeito textual que “os bombeos hidráulicos terán que cumprir o disposto no plano hidrolóxico e en todo caso situaranse fóra da Rede Natura 2000 e/ou espazos protexidos, por canto son proxectos con impactos moi importantes como modificacións morfolóxicas de canles e ribeiras, así como perda de biodiversidade.”
Pola súa banda, a Comisión Europea na recente Comunicación (2021/C 58/01) “Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia”, e ao respeito da consideración das alternativas aos proxectos, e para as actividades económicas para as que exista unha alternativa viábel dende o punto de vista tecnolóxico e económico cun baixo impacto ambiental, a avaliación do impacto ambiental negativo de cada medida deberá levarse a cabo fronte a un escenario de “ausencia de intervención”, tendo en conta o efecto medioambiental da medida en termos absolutos.
Este novo enfoque consiste en considerar o impacto ambiental da medida, en comparación con unha situación sen impacto ambiental negativo, xa que este non debe avaliarse en comparación co impacto doutra actividade existente ou prevista que a medida en cuestión poida estar substituindo.
No caso desta central de bombeo, cuxa implantación esixe a construción dunha central en caverna nunha área inalterada, o impacto das obras debería avaliarse fronte a un escenario no que o patrimonio natural afectado permanecera no seu estado natural, sen considerar un posible uso alternativo diferente, como por exemplo a “evitación” de emisións a atmosfera como pretende a empresa.
As obras da proxectada central hidroeléctrica reversíbel “Xistral” atinxen a dous espazos da Rede Natura 2000 galega: As ZEC “Serra do Xistral” (ES1120015) e ZEC “Río Ouro” (ES1120013). Asemade, as obras afectan tamén a un territorio incluído na proposta de ampliación da RN 2000 que comezou a tramitar a Xunta de Galiza no ano 2011, concretamente ao alongamento da ZEC Serra do Xistral.
Esta área de ampliación pretendía aumentar a representatividade de determinados hábitats, principalmente turbeiras e matogueiras húmidas (hábitats 7110*, 7130*, 7140, 4020*) identificados como insuficientemente representados pola Comisión Europea nas Decisións 2004/813/CE e 2006/613/CE). O incumprimento reiterado por parte das Administracións autonómica e estatal dos requerimentos da Comisión Europea, deu lugar ao expediente PILOT nº EU 4995/13/ENVI, e á carta de emprazamento de 2015 na que lle comunicaba ao Estado a apertura dun procedemento formal de infracción (2015/2003).
O proxecto afecta tamén á Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, desenvolvéndose tanto nunha pequena parte da “zona núcleo” como maioritariamente dentro na “zona de transición” e da “zona tampón”. Lembramos que polo que atinxe ás afeccións á Reserva da Biosfera na “zona tampón” e tratándose dun territorio cun valor de conservación alto en canto á representatividade, extensión e naturalidade dos hábitats presentes, só serían compatíbeis os usos tradicionais do solo e o turismo ambiental. E na zona de transición, na que se desenvolven grande parte das obras proxectadas, o obxectivo é promocionar actividades compatíbeis co desenvolvemento sustentábel e favorecer ás poblacións locais xunto coa conservación e revalorización da natureza e da biodiversidade. Ningún deste obxectivos fixados para as diversas zonas dunha Reserva da Biosfera son compatíbeis coas obras proxectadas.
ADEGA reclama ao Ministerio que se comunique ao promotor a desestimación do proxecto e que se insrte á Xunta a ampliar con urxencia a superficie da Rede Natura 2000 en Galiza para evitar estes despropósitos.