Site icon Crónica3.com A Mariña

A Rede Museística ofrece material didáctico sobre igualdade de xénero a centros educativos e familias

Lugo, 2 de marzo de 2022. A Rede Museística Provincial pon a disposición de profesorado e familias diferentes materiais didácticos sobre igualdade de xénero. Trátase cadernos dirixidos a diferentes idades e etapas educativas con actividades deseñadas a partir dos fondos e coleccións do Museo de Lugo, do Museo do Mar de San Cibrao, do Pazo de Tor e do Museo Fortaleza de San Paio de Narla.

O obxectivo común é promover o coñecemento e recoñecemento de mulleres artistas, contribuír a eliminar os prexuízos sexistas a partir do debate sobre a representación das mulleres nas creacións artísticas e identificar e valorar o papel das mulleres no desenvolvemento das sociedades, en especial nas comunidades rurais.

O material presentouse esta tarde no Museo de Lugo nun acto no que participou a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, e persoal dos museos.

Encarna Lago subliñou que “este paquete educativo incorpora por primeira vez actividades penadas para as familias, que complementan as propostas para o ámbito escolar” e incidiu en que “con este material didáctico se proporcionan recursos para traballar e comprometerse coa igualdade durante os 365 días do ano”.

As actividades están deseñadas para seren realizadas tanto de forma presencial como en liña, coas visitas inmersivas que se ofrecen a través da plataforma comunidadermpl.es. As unidades didácticas estarán dispoñibles para descarga na web da Rede Museística Provincial.

“A Ulloa. Fotografías centrípetas”. Proposta pedagóxica.

Ademais do material elaborado en base ás coleccións e fondos permanentes dos museos, o paquete educativo sobre igualdade inclúe tamén unha proposta pedagóxica a partir da exposición “A Ulloa. Fotografías centrípetas. Olladas femininas sobre o territorio e as súas xentes”, organizada en colaboración co Instituto de Estudos Ulloáns e comisariada por Patricia Coucheiro González e Susana Varela Negro.

No marco desa proposta, ofrécese a posibilidade de levar ou presentar a exposición nos centros educativos e involucrar logo ao alumnado na elaboración dun traballo fotográfico ou videográfico baseado nunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado co territorio.

Exit mobile version