A Mariña, 16 de marzo, 2022. Dende a “Plataforma de veciños afectados pola macro central hidroeléctrica do Xistral” queremos agradecer a asistencia dos veciños e veciñas á manifestación que tivo lugar o pasado domingo día 13. Sentímonos orgullosos da resposta da xente ao chamamento que fixemos por unha causa máis que xustificada: o noso rexeitamento a un proxecto que claramente quere acabar con noso entorno e forma de vida.
O domingo encheuse o noso Val de grandes persoas dispostas a dicir NON a este proxecto e deixar claro que a felicidade non se merca con cartos senón que é unha sucesión de momentos e recordos vividos e por vivir que nos fan sentir cheos de vida. Ao longo da andaina moita xente foi lembrando anécdotas e historias vividas nestas terras e ao mesmo tempo intentando aferrarse á idea de que este proxecto non se leve a cabo para poder seguir vivindo da forma que coñecemos e nos gusta.
Grazas aos veciños que nos arrouparon sen dubidalo nin un só instante e decidiron acompañarnos: uns a pé, en bicicleta e outros a cabalo. Todos eles merecen un forte aplauso, pois foron e son esas voces que en moitas ocasións nos dán ánimo para seguir adiante!
Tamén queremos agradecer a todas aquelas persoas que acudiron dende concellos veciños como Foz, Viveiro, Ourol, Burela, etc. e mesmo tamén doutras comunidades (Cataluña, Madrid, …) para mostrarnos o seu apoio e o seu rexeitamento a este atentado a modo de desfeita dun espazo natural e dun valor incalculable; pois eles tampouco entenden como non se valora o que nós temos aquí: calidade de vida, un entorno privilexiado e un modo de vida que moitos envexan.
A empresa promotora deste anteproxecto manifestou publicamente hai uns días que se había oposición da xente ao mesmo, eles estaban dispostos a non seguir adiante co seu proxecto. Pois, demostramos con creces que nós estamos respaldados por un apoio social amplo e somos moitos e moitas os que non queremos esta central hidroeléctrica no noso Val; presentamos ante o Ministerio 4.430 firmas e 160 alegacións e este domingo pasado volvemos a mostrarlles unha vez máis a nosa repulsa rotunda ante este proxecto. As nosas reivindicacións están máis que xustificadas e varios organismos e entidades do ámbito de medioambiente mostraron claramente as enormes consecuencias negativas que este proxecto provoca sobre o noso territorio, as poboacións, a paisaxe, a biodiverdidade, os recursos e ecosistemas dos que dependemos. Temos moi claro que este proxecto non responde á necesidade do noso territorio e non respeta a nosa biodiversidade, como tamén sabemos que de querer mellorar a nosa contorna, temos moitos recursos e potencialidade para facelo pero que dende hai moitos anos non hai vontade política para facelo.
Dende a Plataforma queremos tamén trasladar que seguiremos defendendo aos veciños e veciñas e que aquí seguimos en pé! Nas nosas vidas hai moito tempo para moitas cousas, pero non para rendirnos! Renovables SÍ, pero Non ASÍ!