Site icon Crónica3.com A Mariña

A moción de axuda aos refuxiados de Ucraína presentada por Vía Alfoz non contou co respaldo dos socialistas

Alfoz, 26 de marzo de 2022. No Pleno municipal celebrado este venres, VIA Alfoz presentou unha moción sobre a invasión bélica que o pobo ucraíno está a sufrir no seu territorio por parte de Rusia. Desde VIA Alfoz recordouse que varios concellos da bisbarra xa se ofreceron para acoller refuxiados e que “o noso municipio tamén cumpre as condicións óptimas para tal fin”. Entre outras virtudes, “dispón de vivendas de titularidade municipal baleiras, así como outros locais susceptibles de seren habilitados a tal efecto, e conta con prazas nos seus centros educativos”. Ademais recordan que, “é coñecida a solidariedade da veciñanza de Alfoz polo que, dende a corporación municipal, debemos apoiar ao máximo estas actitudes”.

Os acordos propostos ao Pleno por VIA Alfoz trataban de establecer, no seno do concello de Alfoz, unha postura en contra da invasión rusa en Ucraína; poñer en marcha un mecanismo oficial para que a veciñanza poida canalizar o envío de víveres, medicamentos e/ou diñeiro aos refuxiados desta guerra; xestionar a acollida de refuxiados nas vivendas de titularidade municipal; dar publicidade, asesorar e xestionar a acollida de refuxiados nas casas que a veciñanza queira poñer a disposición de familias ucraínas no noso concello; asesorar e xestionar a estancia de persoas refuxiadas nos domicilios con familias do concello; así como apoiar as iniciativas tanto de particulares, como de colectivos e ONG’s relativas ao envío de axudas e á acollida de refuxiados, poñendo á súa disposición os medios dos que dispoña o concello.

Durante o Pleno recordaron que desde a veciñanza se están a levar a cabo diferentes iniciativas e incluso se ofreceron vivendas de particulares para acoller refuxiados. Desde VIA Alfoz indican que “de todos é coñecido que moitas veces, cando queremos cooperar con causas solidarias, sentimos a desconfianza de que a nosa axuda non chegue aos seus destinatarios se non coñecemos quen leva a iniciativa. É unha mágoa que ese receo faga que nos botemos para atrás á hora de colaborar en ocasións tan necesarias como a presente. É por iso que, desde o Grupo Municipal de VIA Alfoz, “consideramos que desde as administracións se deberían xestionar canles fiables de solidariedade para poder ser usadas pola veciñanza”, tal e como indica a moción.

Finalmente, estes acordos non puideron ser aprobados polo voto en contra do PSOE local. Aínda así, desde VIA Alfoz intentarán dar resposta ás peticións feitas pola veciñanza, canalizando as súa iniciativas a través de asociacións e ONG’s que están colaborando co pobo ucraíno.

Ademais, A Dirección Executiva de VIA Alfoz, non entende a postura do goberno local respecto ao uso das vivendas de titularidade municipal, “invístense cartos en rehabilitar as vivendas e, sen embargo, non se lles dá ningún uso”. Neste sentido, desde no seno de VIA Alfoz, critican tamén a falta de operatividade do Rexistro de Vivendas Baleiras do concello indicando que “de pouco serve copiar as ideas se despois non sabemos levalas a cabo”, en alusión á posta en marcha dun servizo, que fora inicialmente deseñado pola Concellería de Desenvolvemento Local, dirixida por VIA na pasada lexislatura, e rexeitado polo PSOE, a pesar de seren socios de goberno, e que posteriormente foi aprobado polo propio PSOE nesta lexislatura “carecendo de operatividade pola falta de dilixencia por parte do goberno local”.

Exit mobile version