Ademais dos premios Lugo Cambia ao turismo lucense e …E para comer, Lugo á gastronomía lucense, esta edición incorpora como novidade unha categoría enfocada ao Turismo Sostible, aprobada polo Consello Provincial de Turismo, que se enmarca nas accións que a institución provincial levará a cabo como antesala do evento Copa España Creativa – Fórum Lugo 2022, do que será anfitrioa despois de gañar este certame o pasado ano por un proxecto de recuperación e posta en valor de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
Poden presentarse persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres modalidades e que teñan repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica. As candidaturas poderán ser presentadas a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata.
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, subliñou que estes premios, impulsados pola institución provincial, “son unha medida para apoiar aos sectores turístico e hostaleiro da nosa provincia”.
O xurado estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, que, nunha sesión extraordinaria, fallará tres premios nas categorías Lugo Cambia ao Turismo Lucense e …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, respectivamente, e un único premio no caso da categoría de Turismo Sostible. Na valoración das candidaturas terase en conta a aportación da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia.
Os galardóns serán entregados o 27 de setembro nun acto público coincidindo co Día Mundial do Turismo. Como nas dúas edicións anteriores, os premios, con carácter honorífico, consistirán nun diploma acreditativo e nun agasallo, que será unha peza de artesanía tradicional da provincia.