Inés López explica que “esta falta de atención sucede debido á súa pouca dilixencia nos asuntos municipais, xa que non acude no seu labor como concelleiro ás sesións da comisión de asuntos preparatorios do pleno cando é a súa obriga, xa que foi designado polo seu grupo para facelo, e no seu troque teñen que cubrilo os seus compañeiros. Esta desatención aos seus labores fai que envíe notas de prensa apresuradas sen coñecer debidamente os expedientes dos que fala e sen escoitar aos técnicos municipais, que informan sobre os asuntos a tratar nas sesións, ás que non acude. Non debe en ningún caso enganar á poboación pola falta de rigor nas súas afirmacións”.
A edil de Facenda recórdalle ao voceiro do PP que “os concellos non gastan, invisten na mellora das vidas das súas veciñas e veciños. Aforrar nun concello si que é unha política de vergoña. Segundo a teoría do Partido Popular, o anterior equipo de goberno, que deixou caducar a concesión de auga e preparou con ningunha anticipación e menor implicación aínda o prego para a concesión do servizo de abastecemento, deixou o traballo feito, pero ese traballo non tiña en conta o novo servizo de depuración co que contará o concello cando entre en funcionamento a nova depuradora. Iso levou a que os servizos tiveran que modificar os pregos para traballar con perspectiva de futuro e non mirando cara o pasado. En ningún caso é un derroche que a veciñanza conte co servizo de auga nas súas vivendas, polo que cumpriremos cos pagos e defenderemos sempre os intereses da veciñanza”.
López Couto engade que “o que si que non debe volver permitirse é que o Concello non defenda os intereses dos seus veciños no xulgado e non loite porque as condicións sexan o máis xustas, como se fixo”.
En canto aos recoñecementos extraxudiciais, a concelleira explica que “non dependen de ter maiorías ou non; afirmar iso só indica que quere defenderse de anteriores anos nos que o seu goberno superou os 800.000 euros con estes procedementos”. E aclara que “moitas das facturas incluídas neste expediente contaban con crédito axeitado e suficiente nas partidas orzamentarias polo que se pagarán con cargo a elas. Somos autocríticos e buscamos sempre a mellora polo que reforzaremos o servizo de Intervención con dous novos técnicos nos próximos días, para mellorar o traballo e que os expedientes poidan saír de forma máis áxil”.
En canto ao Servizo de Axuda no Fogar, Inés López manifesta que “quen debería explicar por que de novo o deixou caducar é o voceiro do Partido Popular xa que é outro dos contratos que caducou no seu mandato e do que nin sequera foi capaz de abrir un expediente, moito menos de comezar ningún trámite relativo ao mesmo. Se temos que falar de contratación e transparencia só daremos dúas cifras: contratos publicados nesta lexislatura, máis de 130; e durante oito anos de goberno do PP, menos de 10. Iso é rigor e traballo”.
“En conclusión pedimos máis seriedade e traballo cando se trata dos asuntos municipais e menos desinformación aos veciños porque o único que se dana é á propia cidadanía”, finaliza a concelleira de Facenda.