Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Ensino esixe á consellaría de educación que se cubran todas as baixas do profesorado

A Mariña, 18 de marzo, 2022. Unha vez que a CIG Ensino tivo constancia de que non se están a cubrir as baixas nos centros de menos 3 ou 4 días, e que incluso se procede ao borrado de baixas inferiores a 10 días o sindicato púxose en contacto coa administración para confirmar este modo de proceder.

A administración confirmounos o seguinte:
. van deixar de cubrir as baixas de poucos días salvo en unitarias ou situacións excepcionais dalgún centro educativo.
. A Consellaría de Educación deixou de facer chamamentos diarios ás persoas substitutas.

En definitiva a administración galega quere pasar a unha situación prepandemia na que a Covid pasou a ser un comodín que usa ou non ao seu convir, esquecendo a situación de esixencia máxima que está vivindo o profesorado nos centros educativos nestes momentos.
Cómpre lembrarlle á Consellaría que se un equipo directivo sube unha vacante é porque a precisa, polo que está vulnerando o lexítimo dereito do alumnado e do centro educativo a recibir a atención que necesitan.

Esta situación que denunciamos fai que, na práctica, non se estean a cumprir as mínimas medidas anti-Covid que se mantiñan este ano, é dicir, desaparecen os grupos burbulla, xa que o profesorado de garda ten que pasar por numerosas aulas, situación que se agrava aínda máis no ensino infantil e en educación especial xa que en moitos casos o alumnado ou non leva máscaras ou non as leva ben colocadas. Neste sentido, e aínda que todas as vacantes son necesarias, desde a CIG-Ensino incidimos naqueles casos máis delicados como as titorías de infantil e primaria, o profesorado de educación especial ou de atención a alumnado con Necesidades específicas de apoio educativo, que deberían cubrirse no mesmo día e que están afectando á comarca da Mariña.

Dada a gravidade desta situación delegadas e delegados da CIG –Ensino concentráronse diante da Consellaría de Educación.

Exit mobile version