Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos de Galicia ratifica a Isabel Méndez, de Viveiro, como nova presidenta

Santiago de Compostela, 21 de marzo. A Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos de Galicia (AGAXECCA) ratificou en asemblea xeral a composición da súa nova xunta directiva. A candidatura encabezada por Isabel Méndez, xerente do Centro Comercial Histórico de Viveiro, obtivo o respaldo unánime das socias e dos socios para asumir a máxima representación do colectivo durante os próximos dous anos. A nova presidenta contará cun equipo conformado por xerentes de entidades representativas das catro provincias: Emiliano Cossini, do Arteixo CCA, asumirá a vicepresidencia; Tomás Estévez, de Boiro Aberto, será o secretario da asociación e Mª Carmen Freire, do CCA de Carballo, tesoureira. Completan a directiva, en calidade de vogais, Mª Carmen González de Celanova Chea e María Gómez do CCA ‘De Tendas’ do Grove.

Isabel Méndez afronta o cargo “cunha enorme ilusión e con moita responsabilidade”. A inmensa maioría de xerentes das asociacións de comerciantes das vilas e cidades de Galicia forman parte de AGAXECCA e a nova dirección asume o reto de representar a un colectivo profesional que presta servizo a un dos sectores con maior peso no PIB da comunidade autónoma. A presidenta defende que “a asociación debe ser un dos interlocutores de referencia para a Xunta de Galicia en torno a calquera cuestión que afecte ao comercio de proximidade” e xa solicitou unha reunión presencial coa Dirección Xeral de Comercio “para acadar as melloras que o sector nos demanda”.

Principais retos

As pequenas e medianas empresas que forman parte dos centros comerciais abertos e as zonas comerciais urbanas de Galicia seguen padecendo as graves consecuencias da crise económica derivada da pandemia. As xerencias coñecen de primeira man as necesidades dun sector particularmente castigado e desenvolveron un importante labor de mediación coa administración para tramitar axudas e deseñar estratexias de recuperación. Nos próximos anos, os principais retos de AGAXECCA pasan por avanzar na profesionalización do colectivo, servir de altofalante para as súas demandas e defender os milleiros de postos de traballo que dependen da pequena economía local.

Exit mobile version