Ribadeo, 18 de marzo, 2022. No BNG de Ribadeo cremos que a situación derivada da pandemia deixou ben patente a importancia de defendermos o tecido económico e social apoiando ás pequenas e medianas empresas, aos sectores produtivos básicos, á sociedade no seu conxunto, con medidas de apoio destinadas a mellorar a calidade de vida. E aínda que poida parecer que había que facer máis cousas, o esforzo feito desde o Concello de Ribadeo, así como a coordinación con outras institucións foi inmenso. Esa é a maneira de atuar do BNG: alí onde asume responsabilidades de goberno pensa no conxunto da sociedade; e onde exerce labores de oposición, fai propostas alternativas coherentes.
A pesar de que a situación socio-sanitaria non se clarificou completamente, e a pesar da incerteza introducida pola ocupación a todas luces inxusta da Ucraína por parte do exército ruso, comandado por Vladimir Putin, temos que mirar cara adiante e seguir facendo de Ribadeo tanto un lugar atractivo para establecerse e vivir aquí, como para desenvolver novos proxectos empresariais, socio-culturais e deportivos. Temos que recuperar o protagonismo adquirido antes da pandemia con eventos ben sonados como a Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, os diferentes torneos deportivos, a ampla actividade cultural (referente tanto nas comarcas mariñá como eo-naviega, así como as provincias de Lugo e o Principado de Asturias), o Ribadeo Indiano; a promoción turística; temos que dar un novo pulo ao polígono industrial e renovar infraestruturas. Aínda que durante estes dous últimos anos todo semellaba estar eclipsado pola pandemia, o equipo de goberno do Concello de Ribadeo, impulsado polo grupo municipal do BNG, traballou arreo para estarmos preparados para a nova etapa pos-pandemia.
Seguimos insistindo na necesaria potenciación do polígono industrial de Ribadeo facendo novas xestións ante SEPES para facilitar a instalación de novas empresas no mesmo; presentamos o Ribadeo-suma (un proxecto para incidir nos eidos do emprego, as empresas, o emprendemento, a dixitalización e a sustentabilidade, para acadarmos un maior benestar combinando actividade económica e sustentabilidade); séguese facilitando a recollida de plásticos agrícolas froito da actividade gandeira; o goberno municipal fixo varias solicitudes de subvención para arranxos diversos (tanto camiños como locais nas parroquias), coordinándose tamén con outros concellos, como o de Trabada, para facilitar as comunicacións entre parroquias veciñas dun e outro concello; tamén propuxemos melloras na sinaléctica do Camiño de Santiago, así como a ampliación das beiravías da Ponte dos Santos.
Desde o BNG seguimos apostando por ampliar o tratamento de residuos urbanos cun novo punto limpo permanente en Rinlo e outro ambulante polas demais parroquias; por iso se fixo, desde o goberno municipal, un proxecto que levaremos a cabo (aínda que cabe agardar por parte doutros organismos a implicación necesaria apoiando economicamente dito proxecto, no canto de deixarse levar pola insidia dalgúns que non fan máis que marear o peixe con tal de que non saian adiante propostas que melloren Ribadeo).
O noso interese por crearmos novas infraestruturas vese reflectido na ampliación e mellora da rúa dos Garitos (en convenio coa Deputación Provincial de Lugo); na posta en marcha dunha nova área de ocio e multideporte no centro da vila (en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo), na construción dunha área recreativa na Vilavella; na reforma integral do paseo ata o faro de Illa Pancha construíndo un carril bici que unirá a Praia dos Bloques co faro (tamén en colaboración coa Deputación de Lugo). No plano cultural estamos a recuperar unha programación atractiva. Volverá o Ribadeo Indiano, os Cantos de Taberna; retomarase a Feira do Libro.
A nosa capacidade de chegar a acordos con outras forzas políticas, e desde o labor de goberno a súa capacidade para buscar a implicación doutras institucións con proxectos que repercuten positivamente na vida cotián das xentes de Ribadeo, pódese comprobar en proxectos como a reforma da rúa da Lodeira (xa rematada), ou a da rúa Deputación, que inclúe unha capa de aglomerado asfáltico e a construción de beiravías, así como a ampliación da ponte de Feve coa instalación dunha pasarela voada.
Todo isto, como xa foi ocorrendo ao longo da década dos anos 10, repercute positivamente na nosa calidade de vida; fai de Ribadeo un concello atractivo e logra que, un ciclo económico tras doutro, a xente vexa en Ribadeo un lugar no que poñer en marcha tanto proxectos vitais (establecerse aquí, crear unha familia) como colectivos (por en marcha un proxecto cultural ou deportivo, emprender un novo proxecto, ou crear unha empresa). Non é casualidade que semana a semana vexamos como novos proxectos empresariais mostran interese por afincarse en Ribadeo, ou confirman que o van facer.