O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “celebraremos un acto ben bonito, un acto de recuperación de memoria histórica o vindeiro xoves, 31 de marzo, á unha da tarde no parque de San Francisco. Trátase do inicio da colocación duns 40 adoquíns en homenaxe ás vítimas do franquismo. Esta acción formará parte do proxecto que a Fundación Stolpersteine foi poñendo en máis de 20 países de Europa. Hai máis de 75.000 pedras da memoria colocadas desde hai máis de 20 anos”.
O rexedor subliñou que “o Concello de Ribadeo vai lembrar a 40 homes e mulleres que naceron, viviron e/ou traballaron ou tiveron vinculación con Ribadeo, os cales foron asasinados, paseados, fusilados ou mortos, vítimas da represión franquista durante a guerra e a posguerra”.
Fernando Suárez indicou que “este acto será aberto a toda a cidadanía e contará tamén coa presenza de familiares dos represaliados. Tamén estará en Ribadeo o fundador deste proxecto, Gunter Demnig, que se achegará para colocar estas primeiras pedras, sendo Ribadeo o primeiro Concello de Galicia en contar con este tipo de recoñecemento”.
O alcalde explicou que “o obxectivo desta homenaxe é romper un dramático e prolongado silencio arredor dos crimes cometidos durante o franquismo. Coa colocación destas Pedras da Memoria, estas vítimas recuperarán o seu lugar na mente e no corazón dos ribadenses e de todas as persoas que se acheguen aquí, porque unha serie de pedras se colocarán onde se ten a certeza que estas persoas viviron ou traballaron inxustamente asasinadas”.
E engadiu: “ademais do acto de colocación das Pedras da Memoria, terá lugar a proxección dun audiovisual producido polo Concello de Ribadeo no que se recollen algunhas das historias destes represaliados contadas polos seus familiares. En definitiva, preservar a Memoria Histórica como un ben social moi prezado forma parte da nosa responsabilidade, é un dereito e, á súa vez, unha fonte de coñecemento e aprendizaxe para que estes tristes episodios nunca máis se repitan”.