Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro comeza ese xoves as celebracións de Entroido co “Juepeo de Comadres”

Viveiro, 24 de febreiro de 2022. O Concello de Viveiro recorda que hoxe, 24 de febreiro, comeza a programación do Entroido 2022 co “Juepeo especial de comadres”, nos locais de hostalaría do Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro. O sábado 26 será o momento da “Troula de Entroido”, ás 13:30 amenizada polo grupo musical “Los Alcántara”, na carpa da Praza Maior.

“Retomamos unha das festas con máis importancia para a nosa vila. Agardo que a cidadanía goce desta cita sen esquecer a prudencia”, sinala a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Doutra banda, o Concello de Viveiro anuncia que o certame de “Alpuxarradas” será presentado por Pepe do Galicia, substituíndo a Pedro Brandariz. “O falecemento de Pedro foi un duro golpe para a cultura galega e para Viveiro en particular, onde contábamos con el habitualmente no noso programa cultural”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.

Dende o goberno local agradécese a predisposición de Pepe do Galicia para presentar este emblemático certame con tan pouco tempo de antelación. Pepe do Galicia é unha das personalidades máis coñecidas do entroido de Viveiro, o que asegurará o éxito do festival.

O certame comezará o sábado ás 20:30, no Teatro Pastor Díaz. As entradas, cun custe de 2 euros, reservaranse no teléfono 982560162 ou no e-mail: rbg.cultura@viveiro.es

O domingo 27 será o turno da “Troula de Entroido”, ás 13:30 co grupo musical “Vivarium” na Praza Maior de Viveiro. Nesa xornada tamén se instalarán inchables gratuítos para a rapazada a partir das 17:30.

O domingo 27 e o luns 28 de febreiro celebrarase o obradoiro “Imos facer a Parrochiña”. Ambos días haberá dous grupos, de 11:00 a 12:00 para a infancia e de 12:30 a 13:30 a partir de 6 anos. As prazas deberán reservarse no teléfono 654208333.

O luns 28, organizarase ás 16:30 o “Scape Room” do grupo de participación xuvenil de Viveiro, unha actividade gratuíta no Polideportivo Antonio Tarrío e cuxas inscricións se xestionan no teléfono 676816090.

Doutra banda, o goberno local traballa na reorganización da festa infantil “Enredos de Entroido”, programada para o próximo luns 28 de febreiro, xa que estaba organizada pola empresa de Pedro Brandariz. “Intentaremos asegurar esta cita tan especial para a infancia de Viveiro”, engade a edil de Cultura.

O martes, 1 de marzo, de 13:30 a 18:00 estará a “DiscoTroula de Entroido”, na Praza Maior. Ás 17:30 sairá o Gran Desfile de Entroido, que finalizará tamén na Praza Maior.
O mércores 2 de marzo finalizarán os festexos de Entroido co enterro da sardiña. Esta festa terá versión infantil, ás 18:30, onde os nenos nenas recibirá chocolate con churros. A versión adulta do enterro da sardiña será ás 21:00, amenizada pola charanga “SantaCompaña” e con reparto de bolos preñados e viño.

Exit mobile version