Site icon Crónica3.com A Mariña

“Violencia. Neste caso, de xénero”, por Antonio Gregorio Montes

Xa estamos afeitos á violencia e á morte. En ambos casos, sobre os máis, que outra cousa sería sobre nós ou ‘os nosos’.

Aínda hai pouco me lembraba un amigo que estamos espantados polas atrocidades en Ucraína, tendo esquecido a violencia, miseria ou fame noutras parte do mundo. Delas, moitas, en África, que daría para uns cantos exemplos non menos desgarradores que os ucraínos.

E si, estamos afeitos. ‘Cadran máis lonxe’ ou un máis denigrante ‘son menos parecidos a nós’ poderían servir como explicación, non como desculpa. Fraudulenta, pero explicación. O que nos libra de asumir un mínimo de parte de culpa como humanos que cremos que somos. E, de paso que continuamos coa nosa vida, esa nova violencia que vemos como máis inmediata, máis ‘de agora’, sirve tamén para ocultar ou deixar pasar outras moitas cousas. De fraudes reais (de realidade e de rexencia) ó pobo usado por montera, a traspaso de bens comúns a particulares parentes políticos, novas que se difunden aproveitando que a xente, nós, estamos mirando para outro lugar e mesmo amedrentados cun fin do mundo nuclear. Naturalmente, eses dous casos como exemplo dun sistema que permite, mesmo fomenta, outras condutas máis comúns, por ter máis cantidade de aplicantes. Por exemplo, manténdonos dentro da violencia de humanos contra humanos, a violencia de xénero.

O certo é que ó longo do século, deste século XXI, as mortes por violencia de xénero tenden a diminuír en España, aínda co pequeno aumento que tivo a poboación. Iso fai que, se se mira unha gráfica das vítimas por ano, ou acumuladas, se poda sentir unha certa satisfacción.

Claro que, falar de satisfacción en relación ó desenvolvemento de violencia, sen ter chegado á non violencia, é un alento de estar no bo camiño, pero só iso. Ademais, mentres que morre unha persoa por unha violencia, outras moitas a sofren en diversos graos sen chegar á morte. Tamén na violencia de xénero.

Por certo, que non sei moi ben por que se chama así. ‘De xénero’ indicaría dun xénero contra outro, pero ao menos no que respecta á violencia física, os casos no que o violento é o home e a violentada a muller son unhas cantas veces máis numerosos que nos que ocorre o contrario. Neste caso, de equilibrio, nada.

Non é a primeira vez que digo que as conmemoracións de un día ó ano poden servir como lembranza un día, ó tempo que permiten un cómodo esquecemento o resto do ano. No caso do 8M, pouco a pouco o activismo social permite concibilo como unha celebración aglutinante dun contido de recorrido amplo. Por moito que siga a ser escaso en resultados mentres siga existindo a violencia: nesas andaríamos, na erradicación da violencia. Non sei se o temos claro na vida diaria, o suprimir as causas da violencia, pero por algures se comeza.

Exit mobile version