Isma e Wanderson probaron fortuna fronte á rede de Molina nos primeiros minutos para dar paso ao maior perigo dos galegos, cun mísil de Lucho, no 9, desde saque de banda de Renato. A Xoia Laranxa acariñou a iniciativa tirándose ao segundo pau para cazar o pase cruzado de Quintela. Tamén dispuxo doutra de ouro Wanderson, desartellada polo pau. Estaba a merecelo o Burela FS e David Pazos fixo estalar a Bancada Laranxa no 16, cunha xusta recompensa. O de Ames culminou a gran galopada de Álex Diz tras aproveitar un mal pase de Marcel. Quedou en inferioridade ElPozo coa segunda amarela de Taynan e Isma ampliou a renda tan só un minuto despois. Rafa Santos conseguiu mitigar a vantaxe galega no 19, nun erro de saída de Renato.
Rafa Santos volveu aparecer tras o descanso para darlles o empate aos seus, no minuto 26, en estratexia. Os mariñáns tiraron de garra e souberon aproveitar tamén con saque de esquina tan só dous minutos despois para recuperar a vantaxe, con Iago Míguez. No 33 tivo Quintela o cuarto ao segundo pau con Isma; non o aproveitaron os galegos e recuperaron táboas os murcianos con meteorito de Felipe Valerio. Non deixou de loitar o Pescados Rubén Burela; dispuxo Wanderson de dobre tentativa. Con tres minutos para a bucina final, ElPozo foi a polo encontro con xogo de cinco con boa resposta dos mariñáns.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Isma, Renato, David Pazos, Wanderson, cinco inicial; tamén xogaron Álex Diz, Lucho, Iago Míguez, Pitero, Quintela
ElPozo Murcia Costa Cálida: Molina, Marcel, Fernando, Darío Gil, Gadeia, cinco incial; tamén xogaron Taynan, Felipe Valerio, Rafa Santos, Matteus, Juanjo, Mariano
Goles: 1-0, minuto 16, David Pazos; 2-0, minuto 17, Isma, 2-1, minuto 19, Rafa Santos, 2-2, minuto 26, Rafa Santos, 3-2, minuto 28, Iago Míguez; 3-3, minuto 34, Felipe Valerio
Árbitros: González Moreta // Sánchez Chamorro. Por Burela amarela a Loito (minuto 19), Renato (minuto 31), Wanderson (minuto 40). Por ElPozo amarela a Taynan (minuto 7 e 16), Molina (minuto 35), Matteus (39).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 14 –aprazado do 4 de xaneiro- de Primeira RFEF Masculina disputado en Vista Alegre, coa presenza do vicepresidente da RFGF, Pablo Prieto, no palco de autoridades.
Arrinca a xira
A expedición mariñá emprenderá mañá xa a xira por España que arrincará o domingo 13 en Jaén (18.30 horas) para facer parada en Manzanares (20.30 horas) o mércores 16 e finalizar de novo en xornada dominical en Zaragoza (12.00 horas).