Cervo, 15 de febreiro, 2022. Un home necesitou asistencia durante a pasada tarde en Cervo despois de quedarlle unha perna atrapada entre unha roda do tractor que estaba a manexar e a fresa.
Os feitos sucederon nunha leira da parroquia de San Román de Vilaestrofe, ao fío das oito e media. A esa hora, o 112 Galicia tivo coñecemento do accidente a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Tras iso, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Viveiro, ao GES de Cervo, á Garda Civil e a Protección Civil da localidade.
Deste xeito, os efectivos do GES de Cervo acudiron ata o lugar do accidente e liberaron ao home atrapado para que fose atendido polo persoal médico desprazado, que o trasladou nunha ambulancia ao centro hospitalario de referencia.