A Mariña, 24 de febreiro, 2022. A potencial implantación de 307 novos aeroxeneradores na Reserva da Biosfera “Rio Eo, Oscos e Terras de Burón” (42 complexos eólicos), que se sumarían aos 326 xa existentes (12 complexos eólicos), coloca en alto risco a declaración de Reserva da Biosfera debido á degradación ambiental causada polo impacto acumulado desta proposta de invasión eólica.
Conxuntamente, as plataformas veciñais Xente de Oscos-Eo, Stop Eólicos Negueira e Eólicos na Mariña, Así Non, solicitaron esta semana aos xestores da Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos e Terras de Burón” e aos 14 concellos que a configuran a adhesión á campaña organizada pola “Alianza Enerxía e Territorio” (ALIENTE) que busca solicitar ao Comité Español do Programa Man and Biosphere (MaB) – que xestiona as Reservas da Biosfera a nivel estatal – unha moratoria de tódolos proxectos industriais enerxéticos que afecten ás Reservas da Biosfera, ate que se realice o “estudo sobre a viabilidade de instalacións eólicas, fotovoltaicas e termo solares, incluída a repotenciación, e infraestructuras asociadas en territorios declarados Reserva da Biosfera en España” que o propio Comité Español do Programa MaB, acordou encargar ao Consello Científico de dito Programa.
A campaña conta xa coa adhesión de 21 Reservas da Biosfera e case 260 colectivos, entre eles algún órgano xestor (como os casos das Reservas da Biosfera de Allariz e da Sierra de las Nieves); e na Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos e Terras de Burón” xa ten máis de 70 apoios.
Estas plataformas solicitaron tamén unha reunión cos xestores da Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos e Terras de Burón” e coa Asociación InterEo, que aglutina aos 14 concellos da Reserva, para discutir a problemática eólica e o posicionamento ante a mesma.
Máis información da campaña en: https://aliente.org/moratoria-cientifica-reservas-de-la-biosfera