Lugo, 24 de febreiro de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves, xunto á Vicepresidenta Terceira do Goberno de España e Ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, na inauguración da xornada A Forza das Mulleres Rurais, un encontro coorganizado pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR) e a institución provincial en colaboración co Concello de Lugo que reuniu a unhas 300 mulleres no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).
José Tomé destacou na súa intervención que “non existe unha Galicia baleira. É un termo que creo que debemos desterrar. Existe unha Galicia chea de talento, de ilusión, de iniciativas e de proxectos. Unha Galicia rural moi rica que, o que necesita, son políticas públicas axeitadas para desenvolver todo o seu potencial empresarial, económico, turístico ou cultural. Necesitamos políticas públicas para o rural feitas dende o rural, non dende as moquetas dos despachos, e con perspectiva de xénero”.
“É fundamental garantir a presenza no rural duns servizos públicos de calidade, que teñan as mesmas condicións e prestacións que na cidade. Sen sanidade pública, sen garderías, sen escolas ou sen residencias para persoas maiores, o rural non ten capacidade para fixar poboación”, afirmou o Presidente. “Os servizos públicos son fundamentais para desenvolver políticas eficaces de resposta ao reto demográfico, e tamén políticas transversais de igualdade, porque, cando se recortan servizos públicos, que sae perdendo son as mulleres”.
Neste sentido, o Presidente puxo en valor as accións políticas que está levando a cabo dende a Deputación, como “o Plan de Igualdade que estamos ultimando, o primeiro da institución nos seus 200 anos de historia” ou a “rede de residencias públicas, que ofrece atención pública e de calidade no rural, de maneira que os maiores completen o seu ciclo vital no entorno no que desenvolveron a súa existencia, e na que apostamos ademais polo emprego feminino, xa que o 95% dos postos de traballos ocúpanos mulleres”. “Un emprego de calidade, digno e estable”, destacou José Tomé.
Polo tanto, asegurou o mandatario provincial, “darlle vida ao rural é posible, non é unha utopía, se sabemos empregar con intelixencia os nosos recursos”. Desta forma, engadiu, “os fondos europeos conseguidos polo Goberno de España para a recuperación e a transformación deste país son unha oportunidade histórica”. “E lamento profundamente que o Presidente da Xunta de Galicia estea sementando dúbidas sobre o reparto destes fondos, cando o seu propio Goberno deixou sen executar o 51% dos fondos que recibiu de Europa no período 2014-2020. É dicir, que non executou 1.400M€. Isto demostra que a imaxe de bo xestor de Feijóo é un mito. A realidade é outra, e Galicia padécea”.
“As deputacións e os concellos deben participar nos fondos de reconstrución”
Por iso, o Presidente reclamou, como xa fixo noutras ocasións, “a necesidade de garantir a participación das deputacións e os concellos nos fondos de reconstrución” porque “a saída da crise debe facerse con perspectiva de xénero, atendendo ao modo no que o impacto socioeconómico é maior sobre as mulleres, e tamén garantindo que os fondos europeos cheguen ás deputacións e, a través destas entidades, aos concellos pequenos. Só así serán realmente eficaces e útiles para a cidadanía”.
Recoñecemento as mulleres de hoxe e ás precursoras
José Tomé gabou o lema das xornadas, A Forza das Mulleres Rurais, porque “a forza é, xustamente, o que define o papel das mulleres no rural, entendida como empuxe, emprendemento, talento e ilusión”. Así, ademais de recoñecer a realidade actual do traballo da muller no rural, representado nas mesas celebradas no marco do encontro con casos de éxito de mulleres que modernizan o sector primario, quixo “lembrar e render unha homenaxe ás precursoras, a esas mulleres anónimas, nais, avoas… mulleres que ao longo da historia traballaron polo rural e dende o rural nun momento no que a sociedade lles negaba oportunidades e visibilidade”.
“Galicia ten unha enorme débeda de gratitude con todas esas mulleres, e a mellor maneira de saldala é apoiando a pervivencia do rural e seguir traballando pola igualdade de dereitos, polo feminismo e polo empoderamento das mulleres, e por poñer en valor as súas ideas e proxectos, que enriquecen o rural, e que crean emprego e riqueza”.
O programa
Na inauguración das xornadas A Forza das Mulleres Rurais participaron o Presidente e a Vicepresidenta Terceira do Goberno, ademais da presidenta de FADEMUR, Teresa López, e o Secretario Xeral de Unións Agrarias, Roberto García.
Logo tivo lugar unha mesa redonda sobre Experiencias Emprendedoras na que participaron a fundadora de Embutidos Suarna, Carmen Sánchez Iravedra; a responsable da firma Fusaiola, Míriam Fernández Otero; unha representante da Cooperativa As Vacas da Ulloa, Ana Corredoira; a representante da Granxa Maruxa, Marta Álvarez Quinteiro; e a gandeira, traballadora forestal e imaxe da marca Husqvarna nas redes sociais, Laura Vallejo Castro.
A xornada continuou cunha segunda mesa redonda sobre Alianzas para cambiar o relato. Realidade e imaxe, da que formaron parte a Premio Nacional de Poesía, Olga Novo; o director, realizador e guionista Dani de la Torre; o tamén director e actor Oliver Laxe; o Secretario Xeral para o Reto Demográfico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Francesc Boya Alós, e a Directora Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte, María José Gálvez Salvador.
A clausura correu a cargo da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e da Conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana.