Ribadeo, 24 de febreiro de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, a través dun Bando pide ao empresariado ribadense que o 1 de marzo, martes de Entroido, pola tarde sexa flexible para facilitar a participación nesta tradicional festa.
No Bando o rexedor sinala que “Ribadeo disponse a celebrar, como nos anos anteriores á pandemia que tivemos que sufrir, as tradicionais festas do Entroido. Con este motivo a Alcaldía, ao tempo que convida a compartir o Entroido Ribadense a todos os veciños, veciñas e visitantes que se achegan a este concello, solicita do empresariado e comerciantes en xeral que o vindeiro martes, 1 de marzo, pola tarde, sexa flexible nos seus traballos para facilitar a participación cidadá nestas festas e contribuír deste xeito ao realce das mesmas”.