Site icon Crónica3.com A Mariña

Seguen en Ribadeo as actividades do ciclo O Concello cos Coles, con teatro e con visitas á exposición A memoria do Son

Ribadeo, 3 de febreiro de 2022. Arredor de 500 alumnos e alumnas dos centros de ensino de Ribadeo acudirán a vindeira semana a varias propostas do ciclo O Concello cos Coles, que está a desenvolver o Concello de Ribadeo en diferentes áreas. Neste caso trátase de actividades de Cultura.

A edil Pilar Otero explica que “se o vindeiro domingo hai unha función para o público xeral de A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, o luns 7 de febreiro será representada esta obra baseada en relatos de Manuel Rivas diante de grupos de alumnado dos centros CIFP Porta da Auga, IES de Ribadeo e Sagrado Corazón”.

A concelleira de Cultura sinala que “por outra banda, a exposición Memoria do Son, de instrumentos medievais, recibirá visitas de varios grupos do IES de Ribadeo e do Colexio Sagrado Corazón”.

Para Pilar Otero “a primeira das propostas é interesante desde o punto de vista da Literatura e a Historia contemporáneas. E a exposición de réplica de instrumentos, porén, xunta tamén o atractivo da literatura, a música e a historia galega medieval, da posibilidade de poder escoitar o son dos instrumentos medievais e dá a coñecer unha antífona atopada no arquivo municipal, que data do século XIII, que interpretou a Coral Polifónica de Ribadeo e da que se proxecta unha gravación”.

Exit mobile version