Os núcleos de poboación da Igrexa, Salgueiro, As Cabanas, Biduedo e Sequeiro da parroquia de Valboa, en Trabada, e os núcleos de Teixido e Piñeiro da parroquia de Cedofeita, en Ribadeo, dispoñen dun viairo de comunicación deficitario e sen firme sobre o rego Ferreira, unha situación que dificulta a circulación de vehículos.
O camiño serve de acceso a fincas agrícolas e a explotacións gandeiras, así como a parcelas forestais, polo que o tráfico pesado é importante e ocasiona un maior deterioro. Con esta actuación, melloraríase ademais o trazado da curva existente para facilitar os xiros de vehículos pesados.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e a alcaldesa de Trabada, Mayra García, estiveron hoxe na zona supervisando o estado do camiño. A actuación, cun orzamento de 62.500 euros, consistirá no acondicionamento e pavimentación do tramo, a prolongación da obra de paso existente sobre o rego Ferreira e a instalación de barreiras de seguridade en ambas marxes.
“É unha obra urxente para acondicionar o viairo ao tránsito de vehículos, mellorando a comunicación e a seguridade viaria, e permitindo que os vehículos prioritarios en servizo de emerxencia poidan facer uso do mesmo e teñan uns accesos en boas condicións”, explicou García Bermúdez.
“Estas actuacións conxuntas en viarios que unen dous Concellos supoñen o único xeito de actuar de xeito eficiente e eficaz para que os veciños e veciñas de ambos os dous municipios se vexan beneficiados. Confiemos agora que esta solicitude de axuda sexa merecedora do apoio económico da Xunta de Galicia”, manifestou Suárez Barcia.
Trabada e Ribadeo tramitaron conxuntamente esta axuda ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
Segundo o establecido no convenio asinado entre as dúas administracións locais, o Concello de Trabada será o responsable técnico e administrativo da xestión de convenio de colaboración, para levar a cabo de forma conxunta a actuación nos termos da Orde do 29 de decembro de 2021 da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, representando aos dous Concellos en todas as relacións coa Xunta de Galicia. A tal efecto o Concello de Trabada realizou a solicitude de subvención ante a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, correspondéndolle a súa xestión integral, así como realizar a contratación da obra os trámites que deriven da xestión do proxecto.