Ribadeo, 28 de febreiro de 2022. O equipo de goberno proxecta a creación dun área recreativa na Vilavella, na que se colocará diverso mobiliario, se crearán un aparcamento ordenado de vehículos e un pequeno miradoiro e se instalará iluminación led, segundo explicou hoxe o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor contou que “dentro das actuacións de mellora que queremos seguir facendo na vila en espazos degradados ou mal acondicionados, está a creación da área recreativa da Vilavella. Esta fermosa zona da entrada da vila, constitúe tamén o acceso aos clubs de remo e piragüismo ás instalacións da Vilavella, que se caracteriza por ser moi perigoso, xa que a zona non é máis que o resto da antiga estrada de acceso a Ribadeo, que foi quedando desconectada e que actualmente se utiliza como un aparcadoiro en precario, pero de moi perigoso acceso”.
Suárez Barcia explicou que “o que pretendemos é facer en todo ese ámbito unha área recreativa ordenada, recuperando os espazos verdes a través do axardinamento, dotándoo de árbores, con diverso mobiliario propio de áreas recreativas e posibilitando tamén o aparcamento ordenado de vehículos. Tamén se crearía un pequeno miradoiro e se substituiría o actual e escaso alumeado público por outras lámpadas de tecnoloxía led nesa contorna”.
O alcalde dixo que “esta área recreativa, de fácil acceso a pé e en vehículo, serviría de zona de descanso ou de paso cara a ruta do Muíño das Aceas, dentro deste Camiño Natural da Ruta do Cantábrico que percorre toda a costa ribadense, xa que se trata dun espazo anexo á Rede Natura 2000, polo que crearíamos unha senda peonil segura para conectar o inicio do camiño ao Muíño das Aceas”.
Fernando Suárez engadiu que “para poder facer todo isto, acabamos de solicitar unha axuda á Xunta de Galicia, a través do Fondo de Compensación Ambiental para este ano, cun proxecto que os técnicos cifraron en 40.000 euros. Queremos confiar que este marabilloso proxecto, dirixido para os nosos mozos e mozas practicantes de deportes acuáticos, así como para toda a cidadanía, sexa merecedor do apoio económico da Xunta”.
Ata esa futura área recreativa da Vilavella se desprazon o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Obras e Medio Ambiente, Mónica Freire e Jorge Díaz.