Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2022. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou unha batería de medidas urxentes contra o encarecemento do custe da vida e ante un IPC do 7,4%, o máis alto nos últimos 33 anos.
Pontón explicou que “hoxe é mais caro comprar produtos de primeira necesidade, encher o depósito de gasolina e usar a electricidade”. “Todas estas subas poñen en risco a recuperación económica e tanto a Xunta como o Goberno central -recalcou- non poden permanecer de brazos caídos”.
Entre as medidas presentadas polo BNG para frear as consecuencias do incremento do custe da vida, salientou no ámbito fiscal: “baixar o IVE dos produtos básicos, reducir temporalmente os impostos dos carburantes e rebaixar as peaxes en Galiza e no ámbito estatal.”
Asemade, recalcou que urxe “subir o IPC das prestacións sociais, da RISGA e o Salario Mínimo Vital (SMV) e posibilitar compaxinar ambas axudas”. A esta medida sumou tamén unha suba do IPC nos salarios e pensións e a revalorización das pensións non contributivas cun “complemento de 100 mensuais” que representa pasar de 400 a 500 euros.
Para a vivenda, o BNG propón incrementar as axudas á mocidade, “duplicando os fondos”, e contra o incremento dos custos enerxéticos reiterou que é necesario rematar cos “beneficios ás grandes eléctricas” coa creación dunha tarifa eléctrica galega.
Rotunda condena á cruenta invasión de Ucraína
Na súa intervención ante os medios de comunicación, Pontón reiterou a “condena rotunda á cruenta invasión de Ucraína” e mostrou a solidariedade do BNG á poboación. “Hai que buscar unha solución e a ONU e a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE), deben frear este conflito”, subliñou.
Por outra parte, anunciou que o BNG solicitará á Xunta que ofreza Galiza ás persoas refuxiadas.
Feixóo debe aclarar á cidadanía: Galiza ou o PP
A portavoz nacionalista asegurou que a situación de emerxencia económica e social obriga a Feixóo a aclarar se vai escoller ao PP utilizando a Galiza “como antesala das súa ambicións políticas” ou pensa dimitir. “Os galegos e as galegas non poden seguir esperando e debe responder canto antes se vai dimitir ou escollerá Génova”, advertiu.
“Nos últimos días -incidiu Pontón- o tema central que ocupou e preocupou a Feixóo foi tapar a corrupción do Partido Popular e as súas ambicións persoais”, polo que considerou obrigado que o presidente da Xunta comunique a súa decisión canto antes: “debe dicir se escolle Galiza ou o Partido Popular”, afirmou.
A portavoz nacional do BNG insistiu en que os galegos e as galegas merecen respecto e non ser os prexudicados das guerras internas do PP. “A menos de dous anos das eleccións e no medio dunha crise económica, demográfica e industrial, Galiza debe estar presente nos grandes asuntos políticos e se esta evolución xa era negativa cun presidente coa súa cabeza aquí, agora que ten a cabeza en Génova vai ser peor para Galiza”, alertou.
Para Pontón, se ate agora tiñamos un “goberno débil”, agora estamos ante un “presidente ausente” e, segundo concluíu, “non podemos seguir agardando polas súas ambicións persoais”.