Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón presenta a lei de residencias do BNG que propón un modelo público que garanta o dereito a unha vellez digna

Santiago de Compostela, 14 de febreiro 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria de dereitos sociais, Olalla Rodil, presentaron a Proposición de lei para un novo modelo de residencias baixo a premisa de garantir unha vellez digna ás persoas maiores, calquera que sexan as súas circunstancias económicas e sociais, e desde o criterio de que non son meros usuarios e usuarias senón suxeitos de dereitos.

“A mellor opción é despregar unha batería de medidas que permita ás persoas maiores desfrutar desa etapa vital nas súas casas, no seu fogar. Pero cando non sexa posible, deben dispoñer dun modelo de residencias públicas capaz de garantir o dereito a unha vellez digna”, salientou a líder nacionalista na presentación dun texto lexislativo estruturado en catro títulos e con máis dunha corentena de artigos.

O BNG considera que tras a pandemia non se pode seguir mirando para outro lado e facer como que non pasou nada. “E unha obriga ética tomar nota, non se pode seguir cun modelo privatizado en mans de multinacionais ou de entidades relixiosas”, salientou, nunha Galiza “que ten a porcentaxe de prazas públicas máis baixo de todo o Estado, pese ao elevado nivel de envellecemento, cun 25% da poboación por riba dos 65 anos”.

A proposición de lei que o Bloque presenta no Parlamento ten como obxectivo garantir o dereito a unha vellez digna e ese obxectivo require planificar un sistema de residencias público, tanto na titularidade como na xestión; así como humanizar os coidados con centros de menor tamaño e primando o benestar das persoas maiores; aumentar os rateos de persoal por categorías, un servizo de inspección eficiente e específico e unha xestión transparente para que calquera cidadán interesado acceda á información dispoñible sobre o funcionamento, servizos, axudas, inspeccións e sancións de cada residencia do País.

Son cuestións que recolle a proposición de lei, estruturada en catro títulos e medio cento de artigos. O título primeiro regula os requisitos materiais dos centros con propostas como que as residencias non deben superar as cen prazas, cun 90% como mínimo deben ser individuais e estruturadas en módulos de 25 residentes máximo, 20 en caso de centros con persoas dependentes.

Tamén é importante que estean integradas nos núcleos urbanos ou rurais non en lugares illados, en zonas libres de ruídos, de agresións ambientais e, na medida do posible, próximos a espazos que faciliten o lecer, como parques ou zonas verdes.

Atención individualizada

O título segundo da proposición de lei establece o modelo de atención das persoas maiores. No concreto, un plan de atención individualizado para cada usuario no que se faga unha valoración integral, establecer obxectivos e medidas para conseguilos e seguimento por parte dunha persoa de referencia que actúa como enlace coa familia. “Debe ser o centro quen se adecúe aos maiores e non ao contrario, polo que tamén se inclúe a posibilidade de personalizar a súa habitación levando mobiliario propio para manter no posible sensación de fogar”, explicou Pontón.

O título terceiro regula a supervisión, inspección e o réxime sancionador co obxectivo de conseguir a máxima transparencia e información das residencias. Medidas como un censo único de persoas usuarias ou crear un corpo de inspección específico para as residencias cos medios humanos e técnicos suficientes.

“Hoxe apenas hai unha ducia de inspectores para 21.944 prazas en 380 centros, que ademais deben atender a todos os centros de carácter social como, por exemplo, as escolas infantís”, destacou a líder nacionalista, tal carencia fai que a inspección sexa, na práctica, papel mollado.

Transparencia e comité de ética

En aras desa transparencia, o proxecto de lei inclúe posta en marcha dunha web de acceso público coa información das actas e informes das inspeccións, as sancións impostas así como todas e cada unha das axudas que recibe cada residencia privada ou concertada. O título cuarto establece a planificación da rede pública de residencias e a recuperación dos centros públicos concertados a medida que venzan os contratos coa Administración.

Outros aspectos importantes da proposta de lei son a creación dun Comité galego de ética semellante ao que xa existe en materia de saúde, ao que acudir para denunciar e encargado tamén de remitir informes nesta materia. Tamén aspectos como que as residencias poidan acoller estadías temporais de rehabilitación, por exemplo cando unha persoa sae do hospital e precisa dun lugar para a súa plena recuperación antes de volver ao seu fogar.

Tanto Pontón como Rodil agradeceron as aportacións de persoas expertas tanto do ámbito académico como profesional, como Dolores Puga, científica no departamento de Poboación do CSIC; Xosé Manuel Carril, profesor titular da UDC na área de Dereito do traballo e seguridade social; María Ángeles Tortosa, profesora de Economía Aplicada na Universitat València ou Gerdt Sundström, catedrático emérito no Institute of Gerontology Jönköping University de Suecia e asesor do goberno sueco en materia de coidados e atención ás persoas maiores.

“E, desde logo, agradecemento expreso ás persoas traballadoras das residencias públicas e privadas así como ás familias por unhas aportacións moi valiosas para que hoxe podamos presentar un proxecto de lei que quere dar un xiro de 180º no actual modelo de coidados, cara un sistema que coloque ás persoas maiores no centro. Pensamos que é o primeiro paso para que nunca máis se faga negocio coa vellez e que, por contra, se garanta o dereito das persoas a unha vellez digna”, concluíu Pontón.

Exit mobile version