A Mariña, 1 de Febreiro de 2022. A Secretaria Provincial, Patricia Otero dixo hoxe que Núñez Feijóo visitou a Mariña só para facer traballo de partido, e de paso, aproveitou a viaxe para tentar manipular e enganar aos traballadores de Alcoa e a toda a Comarca da Mariña.
Otero advertiu, trala visita de Feijóo na clausura do Congreso do PP de Burela, “que o Presidente demostrou que pon á Xunta ao servizo dos intereses do PP tentando confundir e mentir cun descaro que desmenten as súas infulas moderadas”.
Os socialistas replican que “nin o Goberno de Feijóo nin a Xunta moveron un só un dedo para salvar a Alcoa, e agora, cando temos por diante dous anos para conseguilo, a única preocupación de Feijóo é cargar toda a responsabilidade ao Goberno do Estado, e non respectar a decisión maioritaria dos traballadores”.
A dirixente socialista puntualizou “que Núñez Feijóo non adicou nin un só segundo da súa visita electoral para explicar cales son os seus proxectos para a Comarca da Mariña, ou do que pensa facer a Xunta por Alcoa. Por iso é preciso lembrar unha vez máis que a Xunta de Galicia, a pesar de ter competencias exclusivas en materia de industria, non fai absolutamente nada para asumir a corresponsabilidade do futuro dos traballadores de Alcoa. E coa súa mensaxe de infundir medo na veciñanza da Mariña, vén buscando un enfrontamento entre galegos”, remarcou.
Por todo isto, Patricia Otero, emprazou a Núñez Feijóo unha vez máis como xa fixo no Parlamento de Galicia, “a que faga uso da súa responsabilidade como presidente da Xunta, para impulsar a instalación da empresa Altri na Mariña, tal e como xa solicitou tamén o presidente da Mancomunidade, Francisco Cajoto. Pero sen que a día de hoxe se dignara a contestarlle, quedando reflectido o nulo interese que ten pola Comarca da Mariña”.
“O seu silencio alármanos porque unha vez máis comprobamos que a súa actitude parece indicar que non ten intención de facer nada. O que si creemos é que se A Mariña fose Vigo xa se movería a Xunta para que viñera Altri á Mariña”, resumiu.