Ribadeo, 7 Febreiro, 2022. Os dous deportistas atopábanse practicando surf na zona de Illa Pancha, en Ribadeo, cando foron perdidos de vista.
Un compañeiro dos desaparecidos foi quen, ao fío das doce deste medio día, informou ao 112 Galicia do suceso.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizou o helicóptero Pesca II para a procura dos dous compañeiros. Así mesmo, informaron aos axentes da Garda Civil, da Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.
Ao tratarse dunha zona limítrofe coa Comunidade asturiana, informouse ao Servicio de Emergencias del Principado de Asturias (SEPA), que tamén forman parte do operativo de busca.
Finalmente, o helicóptero Pesca II identificounos á altura da praia de Penarronda, no límite de Castropol e Tapia, cando se dispoñían a saír, a tres km da Illa Pancha, tras deixarse levar polas correntes e o forte mar de fondo na zona. Chegaron polos seus propios medios, en perfecto estado.