O popular engade que “por desgraza, á hora de xestionar calquera cousa por parte do señor Llano e o seu goberno, a parodia está servida. Segundo se nos informou por parte dos comerciantes ambulantes e segundo puidemos comprobar por parte dos membros do Grupo Municipal Popular e tamén os madrugadores clientes que alí se achegaron, o despropósito foi terrible. Non só non había esa inflada cifra de comerciantes que indicou o señor alcalde, senón que os problemas lonxe de solucionarse foron multiplicados por parte do señor alcalde e o seu goberno.
Por unha banda, “históricos comerciantes quedaron sen posto na rúa de abaixo de Torrentes debido ao novo reparto feito polo señor alcalde. Menos mal que se ía respectar a antigüidade á hora de facer o novo reparto na localización dos postos. Que vergoña”, matiza.
Por outra parte, “houbo comerciantes habituais do sector do téxtil que non foron avisados para a reapertura e aos que non se lles asignou posto. De feito, esixen situarse todos na mesma rúa, non queren situarse na rúa de arriba. É por iso polo que moitos amosaron o seu descontento e achegáronse á Casa do Concello para tratar de falar co señor alcalde, algo que xa debería ter feito el mesmo antes de tomar decisións sobre os continuos cambios de ubicación do mercado dos venres”.
Igualmente, “o camión para a colocación dos contedores non puido pasar a primeira hora desta mañá tendo que dar marcha atrás pola desastrosa colocación dos postos feita polo goberno do señor Llano”.
Son, para os populares, “un sinfín de tristes anécdotas que o único que fan é manchar a boa reputación que sempre tivo o mercado semanal de Burela e que durou ata que o señor Llano e o seu equipo decidiron poñerlle as mans enriba sen contar nin cos profesionais do sector nin cos usuarios do mesmo. Que triste e lamentable situación para un dos alicientes da nosa vila provocada pola mala cabeza daqueles que agora mesmo están a desgobernar Burela”.
Arranxo do Camiño Real
Manuel Rouco explicou tamén que “no pleno deste xoves se procedeu á aprobación, unha vez máis, dunha obra para o arranxo dos firmes do Camiño Real. A ver se desta vez o goberno local a tramita con premura para que se poda levar a cabo e non poñan, unha vez máis, como escusa a suba dos custos dos materiais”.
O popular fala de escusa porque “cunha licitación previsora esta problemática non se daría, pero dende o Grupo Municipal Popular fai moito tempo que sabemos que a previsión e o goberno do señor Llano non se levan ben”.
Rouco agarda que, “despois de catro longos anos de repetidas denuncias por parte dos populares, se arranxa a perigosa balaustrada preto dunha tenda de recambios para o automóbil”.