Site icon Crónica3.com A Mariña

Os bombeiros interveñen para rescatar o corpo xa sen vida dunha muller encerrada no baño da súa casa, en Ourol

Os efectivos de extinción de incendios e salvamento do parque de Viveiro deberon intervir nunha vivenda para rescatar a unha muller encerrada no baño, en Ourol.

Tras lograr abrir a porta, comprobaron que a persoa estaba falecida.

Foi unha persoa particular quen deu a voz de alarma a través da súa chamada ao 112 Galicia cando se achegaban as oito da tarde de onte. Segundo o seu relato, había unha persoa tirada dentro do cuarto de baño que non se movía. Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros de Viveiro, pois para acceder á muller era necesario abrir a porta do baño, pechada desde o interior. Mais, cando lograron entrar no baño, comprobaron que a señora estaba falecida.

Ao lugar dos feitos, na Garita, en Ourol, tamén acudiron os voluntarios de Protección Civil da localidade e unha patrulla da Garda Civil con fin de coñecer as circunstancias deste suceso, aínda por esclarecer.

Exit mobile version