Site icon Crónica3.com A Mariña

O Valadouro retoma a Feira de Razas Autóctonas

Lugo, 3 de febreiro de 2022. O Valadouro celebrará este sábado a Feira de Razas Autóctonas da Mariña, co apoio da área de Medio Rural da Deputación de Lugo. A deputada Mónica Freire e o tenente alcalde do Valadouro, Eduardo chao, acordaron colaborar na recuperación da feira, que contará cun mercado de gando, exhibicións e certames de razas autóctonas e actividades para promocionar as cualidades gastronómicas da súa carne.

A deputada Mónica Freire saudou a iniciativa “da área de Medio Rural do Concello do Valadouro que impulsa esta cita gandeira, que pon en valor o sector e especialmente dos criadores e criadores que traballan pola conservación e recuperación das razas autóctonas en gandeirías dimensionadas e adaptadas ao territorio”

O tenente alcalde valadourés Eduardo Chao explicou que “O Valadouro mantén unha importante actividade gandeira, e a cría de cabalos e gando vacún en liberdade ten unha fonda tradición en distintas parroquias, sobre todo nas zonas máis altas do concello situadas ao pé da Serra do Xistral. Ademais, nos últimos anos vense impulsando desde o Concello a recuperación de feiras e mercados tradicionais, como o Mercado da Primavera, a Feira do Mel ou o Mercado da Castaña, aos que agora se suma a Feira de Razas Autóctonas Galegas que, agardamos, volva espertar o interese tanto dos gandeiros da comarca coma do público en xeral”.

A feira reunirá criadores de bovino, ovino, cabrún, cabalar, porcino e aviar chegados desde distintos puntos de Galiza e suporá unha oportunidade para dar a coñecer entre o público asistente as características destas razas tradicionais do noso país, que en moitos casos estiveron a piques de desaparecer. Conta coa colaboración de asociacións como Acruga, Asoporcel, Puraga ou a Federación de Razas Autóctonas Boaga.

Abrirá as súas portas ao público ás 10:00 horas, no aparcadoiro a carón da piscina municipal, onde se instalarán carpas para o desenvolvemento do mercado de gando e das exhibicións e certames que se desenvolverán ao longo da xornada para promocionar as razas autóctonas.

– Ás 11:00 horas no campo da feira a Asociación de criadores de cabalo de Pura Raza Galega organiza o concurso morfolóxico de cabalo PRG.
– Ás 13:00 no recinto feiral realizarase a III Poxa de gando de Raza Rubia Galega na Mariña.
– A continuación, Xacobe Pérez (presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego) fará unha demostración de traballos pé a terra con rédeas longas con cabalo de PRG.
– A xornada rematará sobre as 18:00 horas coa entrega de premios, na que se repartiran máis de 4000 € entre as distintas especies de gando, nas inmediacións da carpa.

Por outra banda, no Camiño da Granda terá lugar un Concurso de Andadura Galega en horario de 10:00h – 11:00h e de 15:00h – 18:00h.

Ademais, durante o día, as pesoas asistentes poderán desfrutar dunha Ruta de Tapas de Carne de Raza Autóctonas na hostelería do Valadouro.

Exit mobile version