Os populares condenan tamén que “non lle importe nada a merma económica que lle está causando aos comerciantes ambulantes. Xa o ten demostrado ao facer caso omiso das súas peticións. De feito, os comerciantes ambulantes teñen solicitado un cambio de localización porque na actual de Torrentes non venden como vendían e, polo tanto, xa son numerosas as baixas nos postos que acudían á cita semanal dos venres. Son menos agora dos que había cando chegou o señor Llano ao goberno”. Rouco lamenta que “ao alcalde pouco ou nada lle importe que os veciños que aínda acudiamos ao mercado dos venres, a pesar dos problemas provocados polo seu desgoberno, non podamos facelo”.
O voceiro popular considera que “agora queda demostrada é a falacia do señor Llano para xustificar a localización do mercado; xa que a distancia fora o motivo polo que o alcalde decidira mover o mercado pero agora anunciou que as distancias de seguridade entre postos se van a reducir”. Rouco engade tamén que “o alcalde se escudara en informes técnicos que o Grupo Municipal Popular solicitou no seu día, pero que nunca apareceron”.
O señor Llano goberna de costas aos veciños e aos sectores económicos
“Dende o PP de Burela non lle dicimos ao señor alcalde onde debe situar o mercado dos venres. Tampouco nos pediu opinión sobre este asunto como tampouco llela pediu aos comerciantes ambulantes nin aos comerciantes e hostaleiros do pobo ou aos veciños da nosa vila, manifesta o popular.
“O que si lle dicimos ao señor alcalde é que un alcalde de Burela non pode gobernar de costas aos veciños nin de costas aos distintos sectores económicos que dinamizan a nosa vila: comerciantes, hostaleiros, empresarios e un longo etcétera. Este é un dos principais motivos polo que Burela está a circular co freo de man posto, mentres que outros concellos da comarca levan velocidade de cruceiro”, consideran os populares bureleses.