No debate dunha proposición non de lei do BNG, Balseiro confirmou “a máxima disposición e vontade favorable do Goberno galego para que o municipio de Muras conte, nun futuro o máis próximo posible, cun polígono industrial nos terreos emprazados no lugar de A Cabana”.
“Se somos capaces de facer realidade o novo polígono conseguiremos dar resposta ás demandas que formularon os empresarios da zona e, ademais, cumprir cun compromiso que o PP de Muras incorporaba no seu programa electoral”, sinalou.
Porén, Balseiro explicou que para facer realidade esta obra “o Concello ten que dar uns pasos previos e cumprir unha serie de trámites imprescindibles de carácter urbanístico, como é aprobar a revisión das normas subsidiarias”. Neste sentido, lembrou que este procedemento foi aprobado inicialmente co respaldo de todas as forzas políticas municipais, “pero a día de hoxe o Goberno municipal ten trámites pendentes, polo que pedimos que desde o Concello se axilicen eses trámites administrativos como paso previo para poder comezar as obras”.
O deputado popular dixo que “hai oito meses que a Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta remitiu ao Concello un requirimento para que incorporase documentación que faltaba no expediente, unha solicitude que foi respondida catro meses despois polos responsables municipais, “pero que viña incompleta e con erros, polo que a Xunta volveu requirir no mes de decembro ao Concello para que emendara as deficiencias sinaladas sen que obtivera resposta algunha ata o día de hoxe”.
Deste xeito, José Manuel Balseiro lamentou que “a tardanza do Goberno local de Muras por achegar a documentación completa está supoñendo na práctica o bloqueo do futuro polígono industrial”, polo que demandou que “debe ser máis áxil na súa resposta para que este proxecto sexa finalmente unha realidade”.