Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP responde ao alcalde López que os investimentos efectuados nos últimos anos demostran o compromiso da Xunta coa promoción do Camiño Primitivo en A Fonsagrada

A Fonsagrada, 7 de febreiro de 2022. O goberno socialista de A Fonsagrada xa ten demostrado que ve a palla no ollo alleo, pero non ve a viga no propio. Unha e outra vez actúa da mesma maneira e máis aínda cando se trata de criticar á xestión da Xunta, que parece ser o gran obxectivo de todas as institucións nas que goberna a esquerda na provincia de Lugo. Así o sinala o portavoz popular, José Luís Regueiro, á vista das críticas que dedicou o goberno local á Xunta por instalar un monólito na capital da provincia que sinala os 100 quilómetros que quedan ata Santiago seguindo o Camiño Primitivo. Regueiro di: “O PSOE e o BNG instalaron un monumento na entrada do Camiño Primitivo na capital lucense e o goberno de A Fonsagrada non dixo nada; a Xunta sinaliza cun monólito o quilómetro 100, e parécelles moi mal. A ver se se aclaran”. Fronte a acusación de falta de investimentos en A Fonsagrada pola Xunta en relación co Camiño Primitivo, Regueiro lembra os investimentos efectuados pola Administración autonómica.

Regueiro destaca igualmente que a instalación do monólito foi en atención ás peticións recibidas pola Xunta dende distintas asociacións.

O portavoz popular lembra que no concello de A Fonsagrada atópase o albergue Casa de Pasarín, que ten 42 prazas; forma parte dende 2016 da Rede Pública de Albergues e está xestionado polo Xacobeo. No 2015, levouse a cabo a rehabilitación da Casa de Pasarín, como centro de atención ao peregrino, cun investimento de 534.977,93 euros. No 2021 efectuáronse melloras na carpintería, baños e instalacións no albergue de A Fonsagrada, por importe de 21.202,41 euros.

No termo municipal de A Fonsagrada, o mantemento, roza e limpeza do Camiño Primitivo tivo un custo de 323.168,10 euros dende 2015 (incluído), dos que 87.710,88 corresponderon ao exercizo 2021.

Regueiro destaca que o concello de A Fonsagrada forma parte do xeodestino Ancares-O Courel, xestionado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Monte e Vales Orientais e pola Asociación de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel. O convenio coa Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales, da que forma parte o concello de A Fonsagrada, recibiu en total 109.945,22 euros, dos que 87.956,14 euros foron de Turismo dende o 2019, incluído.

Por outro lado, a Xunta declarou Festa de Interese Turístico Galego a Feira do Butelo de A Fonsagrada en maio do 2018.

Noutro orde de cosas, hai que lembrar que ao norte do municipio de A Fonsagrada hai dous sendeiros (PR-G 139 e PR-G140), conectados entre si e que destacan pola calidade dunhas sendas abertas exclusivamente para chegar a lugares inaccesible da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Nesta liña, mediante convenios, a Xunta ten aportadas as seguintes cantidades: Información e sinalización de sendeiros homologados, rutas de interese turístico (2017), 11.616 euros; acondicionamento da zona de estacionamento de vehículo e da ruta a Seimeira de Vilagocende (2019), 13.567,53 euros; promoción e desenvolvemento do Camiño de Santiago a través dun percorrido en realidade virtual (2020), 11.253 euros; embelecemento e mellora do entorno do Camiño de Santiago e do albergue de peregrinos no casco antigo de A Fonsagrada, (2020), 12.164,66 euros; festa do Butelo ((2020), 3.000 euros; acondicionamento da Rúa Bolaño, (2020-2021), 15.410,88 euros; proxecto de embelecemento de recursos turísticos (2021), 29.994,74 euros; pintado da fachada do colexio de Barbeitos e instalación de punto de recollida de lixo (2021), 9.083,51 euros.

Por outro lado, no 2020, estableceuse o convenio co Bispado de Lugo para o proxecto de reparación e mellora da accesibilidade á igrexa de A Fonsagrada, por importe de 60.000 euros.

Exit mobile version