Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que os socialistas usan a Deputación para facer oposición á Xunta, mentres renuncian a atender competencias propias, como é a mellora da súa rede de estradas

Lugo, 22 de febreiro de 2022. O pleno que esta mañá celebra a corporación provincial ten algo de novedoso e algo que xa resulta reiterativo, segundo sinalou o portavoz popular, Javier Castiñeira, antes do inicio da sesión. En primeiro lugar destacou o novedoso e manifestou: “Queremos felicitar ao señor Tomé polo seu cargo como secretario xeral dos socialistas lucenses, e facelo extensivo tamén aos compañeiros deputados socialistas que asumen responsabilidades na executiva provincial do POE de Lugo”. Os populares ven confirmada a súa teoría de que “no que vai de lexislatura o principal obxectivo do señor Tomé foi usar a Deputación como trampolín político; agora que cumpriu ese obxectivo o que lle pedimos é que se poña a traballar pola provincia, que é o fundamental e tena moi abandonada”.

O reiterativo que desa sesión destacou Castiñeira é o feito de que “o bipartito segue empeñado, unha vez máis, en converter os plenos provinciais en debates do estado da autonomía e trae mocións e propostas única e exclusivamente para facer oposición ao goberno de Galicia, mentres competencias propias súas, como son as estradas, seguen sen resolver”. Explicou que, “por iso, o PP trae unha moción a este pleno instando ao goberno provincial a que elabore un inventario dixital que modernice o inventario de estradas, porque é fundamental, como quedou de manifesto na última convención sobre estradas provinciais, que se celebrou en Pontevedra”. Considera que “hai que tratar de seguir o camiño marcado por outras administracións como a Xunta de Galicia ou o Goberno e outra deputacións que xa teñen dixitalizados o seus inventarios de estradas”.

Castiñeira destacou dous aspectos da sesión plenaria que chaman a atención ao PP. “Primeiro, a declaración institucional con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o 8-M; o PP está a favor e participou na elaboración desa declaración institucional. Hai que aclarar que fixeron falta dúas xuntas de portavoces para fixar esa declaración, polas diverxencias entre PSOE e BNG, que quedan claras neste pleno, porque o BNG trae unha moción paralela, na que tenta facer política con este día”. Engadiu: “Nós entendemos que a celebración deste día non debe ir polo enfrontamento político, como considera o BNG; cremos que é un día para celebrar o papel fundamental da muller nesta sociedade, na sociedade moderna, e non para enfrontamentos políticos, como pretende o BNG”.

Por outro lado, o PP mostra a súa sorpresa polo feito de que “o PSOE trae unha moción paralela á que nos solicitou a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo, para reclamar da banca medidas que non exclúan a quen non ten competencia dixitais”. Non entendemos, di o portavoz popular, “como o PSOE trae outra moción dirixida a enfrontarse á Xunta de Galicia, cando, segundo entendo, o obxectivo dos pensionistas era outro, é dicir, buscar unanimidade nesta institución e aprobar textualmente a moción proposta por eles, e que defende o PP”.

Exit mobile version