Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de O Valadouro expresa no pleno extraordinario “o seu total rexeitamento” á hidroeléctrica, defendendo así os intereses dos afectados

O Valadouro, 24 de febreiro de 2022. O Grupo Municipal de O Valadouro expresou no pleno extraordinario celebrado no día de onte “o seu total rexeitamento” o proxecto da hidroeléctrica proxectada na zona polo Ministerio de Transición e Reto Demográfico, defendendo así os intereses dos afectados.

Neste senso, os populares lamentan a postura de Edmundo Maseda, “xa que máis que o alcalde parece o representante da empresa”. Como exemplo, destaca José Manuel Lamela, o voceiro do PP neste municipio, é que o rexedor socialista “non foi quen” de presentar ningunha alegación á actuación prevista. O prazo fixado para facelo era de 20 días, sendo onte, día 23, o último para presentalas, pero Maseda confirmou na sesión plenaria, convocada a instancia dos populares para dar conta da envergadura da iniciativa, que dende o Concello non se rexistrou ningún tipo de alegato.

“Estamos decepcionados”, indica Lamela, “como así o teñen que estar os veciños”. Con todo, advirte “non nos estraña, pois na reunión convocada cos afectados, a actitude do alcalde foi tan lamentable, que ata chegou a faltarlle ao respecto a algún dos asistentes”.

“Non se fían” dos anuncios do alcalde
Dende o PP “tampouco se fían” da información facilitada polo socialista no día de onte. Concretamente, o rexedor anunciou que recibira unha comunicación na que se modificaría a potencia da infraestrutura, baixando dos 936 MW aos 270. “Isto é o que se nos dixo, pero non lle podemos dar demasiada credibilidade debido á forma de comunicalo. O único que sabemos é isto; nós non vimos nada, nin tampouco temos constancia que sexa algo oficial”, insiste o voceiro popular.

“En xogo o futuro de moitas familias”
Por todo elo, José Manuel Lamela volta a dirixirse ao goberno local e pídelle que “vele polos intereses dos afectados que, a día de hoxe, aínda non saben como lles vai afectar a hidroeléctrica. Este non é un asunto menor, pois está en xogo o futuro e o medio de vida de moitas familias”, destaca.

Exit mobile version