Castiñeira sinala: “Falamos de números moi grandes. Un exemplo déixao claro: o Concello ten unha concesión para captar auga no Ouro de 100 litros por segundo e agora a empresa hidroeléctrica solicita 450 litros por segundo, é dicir, 4,5 veces máis do que consume Foz durante todo o ano”. Engade: “Falamos de números moi grandes e está claro que non é como nos dixo o propio alcalde, que asegurou que este proxecto non afecta a Foz e que polo tanto non se ía mover”. Hai catro días, o socialista Fran Cajoto dixo que non presentaría alegacións porque a central hidroeléctrica estará noutro concello.
O portavoz popular está convencido de que a do alcalde “é unha posición absolutamente equivocada, coa que intenta protexer a posición dos alcaldes socialistas de O Valadouro e Alfoz”.
Castiñeira avisa: “O Concello de Foz xógase moito e pedimos unha xunta de voceiros urxente, cos técnicos municipais, para valorar o proxecto e a afección que ten sobre o río Ouro. Se o Concello de Foz non presenta alegacións e probable que o PP teña que facelo e non sería o normal; o normal é que as faga o Concello porque este proxecto afecta a un servizo básico como é o abastecemento de auga”.