Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz denuncia “falta de traballo e de previsión” para defender os intereses do municipio fronte a proxectada central hidroeléctrica de O Valadouro

Foz, 10 de febreiro de 2022. O goberno de Foz ten demostrada unha inusitada capacidade para chegar tarde e mal á abordaxe dos asuntos máis importantes para o municipio. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Unha vez máis temos que denunciar a falta de capacidade de traballo do equipo de goberno, a nula xestión, a falta de previsión e o pouco traballo en equipo do goberno máis caro e máis amplo do Concello de Foz”. Nesta ocasión, di, “estamos a falar da malísima xestión que se está a facer en relación coa posible afectación ao abastecemento de auga a Foz pola construción da proxectada central hidroeléctrica en O Valadouro”. Destaca: “Pasamos de que non existía problema ningún, segundo o asegurou o alcalde no pasado pleno, a que, unha semana despois de que o PP denunciase o problema e que as evidencias no proxecto o demostrasen, efectivamente recoñece que existe a posibilidade de que poida haber afección ao caudal do río Ouro”.

O portavoz popular explica que, en canto o alcalde tivo que recoñecer a existencia do problema, “o que fai é trasladalo a outras administracións, algo moi típico do señor Cajoto, se son gobernadas por outros partidos políticos”. Explica que “moitas administracións van ter que informar estes proxectos porque hai afeccións medioambientais, infraestruturais e demais; igual que Augas de Galicia o terán que facer Rede Natura, probablemente a Deputación e outros moitos organismos”. Tamén “o Concello de Foz terá que facer os seus propios informes e alegacións”.

Castiñeira sinala: “O abastecemento de auga é unha competencia propia do Concello. Se os veciños de Foz quedamos sen auga o responsable de que iso ocorra será o propio alcalde. Non entendemos esta falta de responsabilidade, de liderado e de transparencia. Nós pedimos unha reunión da xunta de voceiros para, con participación dos técnicos, aclarar a situación. Denegóusenos esta posibilidade. Entendemos que o alcalde non quere mostrar as súas carencias na xunta de portavoces con respecto a este asunto”.

Os populares denuncian “a nula xestión da auga que leva feita este goberno dende que está ao mando do Concello de Foz”. Castiñeira declara: “Proba diso é que no 2018, cando se aprobou o PXOM, viuse a falta de actualización da traída de Cordido e iniciouse á petición a Augas para legalizar esa captación e estamos aínda sen os deberes feitos despois de dous anos e medio que leva o asunto sobre a mesa. E o mesmo pasa coa captación de Foz, para poder ampliar o PXOM a eses dous planes parciais en Llas e Malates”. En síntese, o portavoz popular aprecia “falta de xestión que nos están a levar ao caos” e “mala imaxe do equipo de goberno, que non está preparado a pesar de ser o máis caro da historia do noso concello”.

Exit mobile version