Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela propón a instalación de puntos públicos de recarga para vehículos eléctricos

Burela, a 2 de febreiro de 2022. O Grupo Municipal Popular de Burela defenderá unha moción solicitando a instalación de puntos públicos de recarga para vehículos eléctricos na nosa vila, “tal e como está suceder noutras vilas de Galicia que tratan de anticiparse ao futuro tecnolóxico que se aveciña”, defende o portavoz, Manuel Rouco.

“O goberno do señor Llano, pola contra, xa ten pactada a suba do custe da vida para os veciños e veciñas da nosa vila. Novamente levan ao pleno unha ordenanza municipal que regula ata 15 conceptos diferentes e coa que pretenden incrementar as taxas en campos diversos coma, por exemplo, o sector da hostalería dividindo aos veciños e aos negocios de Burela por zonas: os que pertenzan á zona 1 pagarán máis taxas que os que pertenzan á zona 2; pero en ámbolos dous casos a suba é incuestionable”, explica.

“Ademais disto, o goberno de Llano leva tamén ao pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito para poder afrontar o pago das facturas do ano pasado. Nesta ocasión, case un cuarto de millón de euros (250.000 euros). E todo malia as advertencias continuas que lle fixo a formación popular de que o orzamento aprobado o ano pasado era claramente insuficiente para afrontar os gastos que se aveciñaban. En lugar de medrar, como o fixo en case tódolos Concellos da Mariña, o orzamento en Burela baixou”, lembra o popular. “Isto demostra unha vez a falta de planificación e a improvisación continua dun goberno que está máis para facerse fotos que para gobernar a nosa vila”, segundo considera.

Recoñecemento a Arcadio Pardiñas
Os populares xa tiñan anunciado a súa proposta de desenvolver un recoñecemento público ao que fora alcalde, Don Arcadio Pardiñas Vila, polos 40 anos do seu pasamento “co fin de poñer en valor a súa inestimable aportación ao desenvolvemento do municipio burelés”.

Exit mobile version