Os populares aseguran que “esta ordenanza encarécelle a vida a todo o pobo de Burela co consentimento dos dous partidos que están a lastrar o futuro da nosa vila”. Por poñer algúns exemplos: “a ordenanza recolle un incremento do 85% por metro cadrado das terrazas e do 11% no prezo do metro de andamiaxe para as vías denominadas de categoría 1 en ambos casos”.
O voceiro popular, Manuel Rouco, pregúntase: “quen pode pensar que o señor Llano e o seu goberno son quen de botar as contas da subida salvaxe das taxas con esta ordenanza se ano tras ano apreciamos a falta de planificación do gasto municipal que, neste ano en concreto, se evidencia ao ter que recorrer a un recoñecemento extraxudicial de crédito de máis dun cuarto de millón de euros no primeiro mes do ano”.
Os populares aseguran tamén que “o voceiro do BNG, pola súa banda, o único que fixo no pleno foi vender fume, moi ao estilo do señor Llano, ao tratar de xustificar o seu apoio ao grupo de goberno dicindo que conseguiran que non se lles aplicara a taxa de expendeduría na quenda de garda ás farmacias; cando xa non se lles cobra debido a unha sentenza xudicial que favorecía ás farmacias de Burela”, explica Rouco.
Falta de coñecemento da historia de Burela
O voceiro do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, advirte da “falta de coñecemento da historia de Burela que teñen tanto o alcalde coma o voceiro do BNG”. Así o entende ao votar en contra da proposta dos populares para “homenaxear, coincidindo co 40 aniversario do seu falecemento, ao que fora alcalde, Arcadio Pardiñas, e aos membros das corporacións que asentaron os cementos da Burela actual”.
Rouco considera “triste” que “ámbolos dous se escuden en consideracións ideolóxicas para non apoiar este recoñecemento ás persoas que representaron ás familias de Burela na súa época que loitaron, durante unha época controvertida, polo pobo que hoxe coñecemos. Fixo as xestións en Madrid para poder construír o porto, a traída de augas, as xestións para adquirir os terreos nos que hoxe se asenta o Hospital da Mariña e un longo etcétera de obras que perduran hoxe en día”.
PSOE e BNG, en contra da instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos
En relación á proposta dos populares de instalar puntos públicos de recarga para vehículos eléctricos “o que demostraron os voceiros do PSOE e BNG é que se opoñen a que Burela lidere A Mariña, neste caso en materia de descarbonización, ao ser o primeiro da comarca en poñer a disposición dos veciños este tipo de servizo de futuro”.
Concretamente, “o señor Llano dixo que o prezo da luz estaba polas nubes. Neste caso botamos en falta -xa que o alcalde recoñeceu que o prezo da luz é insostible, algunha iniciativa por parte do seu goberno para instar ao Goberno central, tamén do PSOE, a tomar medidas que permitan a redución da tarifa eléctrica”, incide Rouco.
E, pola súa banda, “o voceiro do BNG, o señor Pillado, aludiu á falta de interese na adquisición de vehículos eléctricos para opoñerse á implantación desta tecnoloxía considerada verde. Pero como vai haber interese en mercar este tipo de vehículos se non se poñen os medios para facilitar a súa recarga?”, se pregunta o popular.